O novo plan para a piscicultura en terra seica recolleu máis de vinte mil firmas en contra. Andan, por iso, sorprendidos na Consellería de Pesca, porque tal non se viu cun anterior plan do Goberno popular, xa en tempo de prórroga e interinidade. Plan abondo menos conservacionista e mesmo en casos agresor de territorios protexidos pola Rede Natura da UE.
Eu, se fose o caso, tamén andaría estupefacto. Porque abrolla un discurso, ecolóxico ou naturalista, para as plantas de peixes en terra que máis podería ser acaído se tales plantas foran químicas ou nucleares. E canto máis en granxas nas que a trazabilidade é requisito do mercado, o mesmo que a dos produtos precisos para tal industria: pensos, vacinas e auga.
Tampouco as granxas de peixes son novidade. E mesmo cando tal industria se iniciou, con menos sabenzas e capacidade de control na interacción co medio natural que arestora, non se tivo noticia do tal carácter contaminante.
Por iso comprendo a estupefacción das autoridades pesqueiras. Pero comprenderán elas a miña coa súa política. A dos argumentos, e tamén a dispositiva. Porque descoñezo un argumentario a prol dunha política de consolidación e expansión do cultivo de peixes en terra. E ocorréseme que fronte ao discurso desmedido en contra pódese un preguntar como é posible que a única reserva mariña programada en Galicia, Os Miñortos no mar de Lira, coincida mesmo onde verte unha das grandes plantas de cultivo de peixes, ou como é que entre os promotores e usuarios da reserva, a Confraría, se firme convenio de colaboración coa citada planta.
Por iso eu malíciome que a enxurrada de alegacións ao plan da piscicultura anda máis na colisión de intereses entre propietarios, e o uso determinado polo plan para dedicar eses solares a cultivo de peixes, que polos efectos perversos contra o medio mariño.
Colisión máis sentida por canto o citado plan parte da premisa, para min incomprensible, de -expropiación por medio- retirar esas propiedades do libre mercado, coutando a capacidade negociadora das partes, como sucedeu ate agora. Dando nacenza a novos afectados.
Porque unha cousa é ordenar o territorio e outra diferente interferir nas leis do mercado. Para logo facer concesións de uso privado.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios