Non somos celtas cortos. Moita xente pensa que os galegos aínda somos celtas cortos, case andamos polo monte como gando libre e bravo. Os mesetarios tenden a pensar que precisamos pasar pola rapa das bestas antes de tratar connosco. Que só sabemos ir de xeonllos ás procesións. Non hai nada diso. Hai tempo que os tempos son chegados. Pasou o galego coma ti. Os galegos agora baixamos e subimos as escaleiras. Somos coma calquera outro pobo. É moi típico que só valoren as nosas paisaxes. Certo que vivimos nun lugar único, onde o silencio aínda ten un prezo. Pero os galegos non só somos unha paisaxe. Somos algo máis que unhas rías e uns montes, somos máis que o verde e o azul. As nosas cidades son fermosas, peraltadas sobre as costas ou agachadas nos vales do interior. Pero nelas viven cidadáns que non teñen nada que envexar a quen vive en Zaragoza ou en Sevilla. O único que lles envexamos é o AVE. Temos o noso lugar no mundo. E queremos que se note. Xa está ben de vivir suspirando. «Vén a noite, morre o día, as campanas tocan lonxe o tocar da Ave María». Xa está ben de «campanas, campaniñas de Bastavales». Temos que reclamar o que é noso. O oito por cen do presuposto do Estado, o Ave no 2012, máis todo o que nos adeudan. Os foraxidos son quen nos negan pan e sal. Galicia non é un estado de ánimo. Non queremos exportar máis melancolía. Saímos das pozas das bágoas. Agora queremos facer os mellores barcos, como sempre os fixéramos, mercamos bancos sen que nos trema o pulso e queremos ser os mellores en futuro. Os galegos agora viaxamos, non só emigramos. Temos tres aeroportos e moitos folgos de aprender das visitas e de coñecer o mundo para mellorar o noso. Xa está ben de dicir que chove cando mexan por nós. Galicia esperta do seu soño para acadar unha mañanciña en clave de sol. Ao fin.
cesar.casal@lavoz.es
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios