Un osíxeno necesario

OPINIÓN

12 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

A MIÑA primeira patrona en Santiago chamábase Antonia. Era de Chantada. Botara unha chea de anos de cociñeira en Venezuela, e de alí trouxo o aquel de poñerlle patacas doces ao cocido, e moito vexetal variado, non exclusivamente berzas, o que nos extrañaba bastante. Era unha muller estupenda. O seu home traballara de chofer e xardiñeiro na casa dos americanos: xente rica, con chalés e moito gasto. Logo, pasaron a Alemaña, porque pagaban mellor, pero o traballo tamén era máis duro, e os patróns moito máis severos, dicía, e as tardes de Hannover extraordinariamente tristes, morriñentas, metidos na noite ás catro da tarde, case sen mirar o sol. Lograron xuntar uns cartos e viñeron para Compostela, onde puxeron pensión para estudiantes e deron unha carreira á filla. Era do que máis orgullosos se sentían: daquela filla estudiada, que algún día, se quixera, sería unha señorita. Hai pouco invitáronme no concello de Ames a falar a un grupo de inmigrantes que asistían polas tardes a clases de lingua galega. Era emocionante velos alí, sentados nos pupitres, debullando as palabras de Castelao, Rosalía ou Carlos Casares. Faleilles da señora Antonia. E do meu avó Saturno, que marchou para Bos Aires e alá botou vinte anos. E do meu tío Antonio, que morreu en Venezuela. E dos meus tíos Hipólito, Xulio, Ramona e Estrella, que dende Tui emprenderon o camiño de Europa e ficaron en Barcelona... Durante xeracións Galicia foi así: quen podía marchaba. Aínda hoxe, desgraciadamente, moitos o teñen que facer, licenciados da Universidade sobre todo, que atopan máis horizonte fóra. Destes teremos que falar noutra ocasión. Entre os inmigrantes de Ames había unha colombiana. Deixou o seu país hai cinco anos e traballa servindo nas casas. É viúva, pero alá ten dous fillos, «que están a estudiar carreira», díxome, «un deles axiña se licenciará en Medicina», e unha casiña con moitas flores nas fiestras. Dende que chegou non volveu ao seu país. Todo é pouco para aforrar e mandar cartos. Pero chama por teléfono cada sete días: os domingos, que seica é máis barato. Daquela, os colombianos reúnense a falar, a contarse cousas, seguramente a debullar morriñas, igual que facían os nosos en Caracas ou en Montevideo. Pensei na miña patrona Antonia, e nos meus tíos, e deilles as grazas. Grazas por estar aquí, grazas por vir e grazas polo esforzo de asistir a aquelas clases, cheos de curiosidade, mais tamén de vontade de instalarse, de participar no discurso dunha sociedade que somos todos, tamén eles. Ábrense procesos de regularización. Disque o 8 por cento da poboación española procede da fóra, osíxeno necesario para unha sociedade con problemas de crecemento demográfico. En Galicia fálase de 41.500 cos papeis en regra, máis outros vinte mil que seica poden estar pendentes de legalización. A meirande parte son portugueses (23%), colombianos (12%), arxentinos (10%), marroquinos (7%), venezolanos (4 %)... sen contar os netos daqueles paisanos e veciños nosos que un día marcharon e volve agora a segunda xeración. Un dato significativo: dende o curso 2000-2001 o número de menores estranxeiros escolarizados multiplicouse por dous: de 2.500 no 2000 a 5.500 no ano 2003, o que quere dicir que teñen fillos, fundan familias e veñen para quedarse; pagan os seus impostos, o 80% están en idade laboral (34 anos de idade media) e, polo menos en Ames, len a Rosalía na clase.