Pereiro, o heterodoxo integrado

camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A RAG destaca a «singularidade» das actividades deste ano sobre o poeta

31 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Méndez Ferrín sentenzou ao finalizar o congreso da Real Academia Galega que todos «os anos non podemos ter un Lois Pereiro». A valoración do presidente da RAG explica a circunstancia, coreada desde algúns ámbitos, de que este Día das Letras Galegas saíuse do patrón e levou a celebración a sectores sociais e culturais que permaneceran alleos a ela.

Para o presidente da Academia, as celebracións demostraron a «potencia da cultura galega e súa variedade». Admite Ferrín a singularidade e a versatilidade das actividades celebradas este ano e o atribúe á calidade poética «dunha figura que, como dixo Gimferrer, é unha das grandes da poesía en Europa, conectado ás correntes do seu tempo».

Para Manolo Rivas, compañeiro en algúns dos colectivos poéticos nos que foi incluído o poeta, «a enerxía despregada pola sociedade galega arredor de Pereiro ao longo deste ano demostra non só que a poesía de Lois está moi viva e ten capacidade de conectar coa sociedade agora, tamén explica que hai moita xente disposta a participar e a utilizar a obra de Lois para facer outras cousas». Unha enerxía social que, segundo Rivas, «non vai haber recortes que poidan parala».

Tanto Ferrín como Rivas dan por boa a descrición de Pereiro como heterodoxo e os dous académicos da lingua consideran lóxico o proceder da institución lembrando a un autor pouco académico. Ferrín considera que a RAG non fai «as cousas porque si Pereiro foi unha elección axeitada, como todas as da Academia, aí están os resultados». Para Rivas, o éxito deste ano dedicado a Pereiro demostra que a «Academia está atenta ao que pasa na rúa».

Para o irmán do escritor, o xornalista Xosé Manuel Pereiro, «foi un ano sorprendente, primeiro pola cantidade de actividades e logo pola variedade». Engade o irmán do escritor que hai que ter en conta «a variedade de propostas que foron nacendo arredor da obra de Lois, fosen libros, películas, discos, teatro ou concertos». O periodista explica que a polémica arredor da elección de Pereiro «só demostra o interese que hai polo autor e pola celebración». Para o irmán do poeta, o carácter diverso e pouco académico da súa obra «foi unha das circunstancias decisivas para que este fose como foi». O propio xornalista sinalou na Academia que o Día das Letras «pode elevar ou tombar a un autor». Considera que no caso do seu irmán «non hai perigo do segundo».

Para algúns críticos, a obra de Pereiro «ten solventados os riscos de institucionalización». Explícao Olivia Rodríguez, quen sinala que o proceso de «canonización de Pereiro xa comezou no ano 85 e ao longo deste ano recibiu un pulo definitivo». Explica tamén que a obra «non quedou esgotada neste ano».

Mercedes Queixas pide aproveitar o resultado deste ano para «repensar o canon literario en Galicia e non perder de vista o ensino nin o funcionamento que poidan ter determinadas obras na escola».