Achados dous poemas inéditos de Celso Emilio Ferreiro

CULTURA

«O mozo» e «O atraco» constatan a vixencia da mensaxe do escritor

30 dic 2011 . Actualizado a las 02:45 h.

O 2012 será un ano destacado para os moitos lectores de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979): a celebración do seu centenario e do cincuentenario da aparición de Longa noite de pedra conforman un marco de actividades conmemorativas que deberían traducirse no mellor coñecemento dun dos poetas galegos máis populares, pero do que aínda quedan facianas por descubrir. Así o pon de manifesto o crítico Ramón Nicolás, especialista na obra de Celso Emilio, nunha ampla análise que publica mañá o suplemento Culturas de La Voz, e que sinala algunhas «necesidades perentorias»: «A catalogación definitiva dos fondos existentes nos arquivos familiares» e «teimar na divulgación da súa obra entre nós e abrir outras vías para proxectar a súa obra internacionalmente».

Que a obra de Celso Emilio segue a dar sorpresas exemplifícao o achado de inéditos, como os que publica hoxe este xornal, Mozo e O atraco. O primeiro é totalmente inédito e está na liña de Prá mocidade (en Viaxe ao país dos ananos) e O revolucionario (en Cimenterio privado). Ramón Nicolás dátao a comezos da década dos setenta. «En O mozo hai un ton imperativo, unha sorte de guía de actuación do que un mozo concienciado debería facer, impregnado de motivos da política internacional do momento; pero a ese mozo pídelle que non confunda, semántica e significativamente ?pobo? con ?masa?, e a recriminación ten moitas lecturas», explica o crítico. «É probable que esta fose a primeira versión que logo reelaboraría, pero lido cos ollos de hoxe goza, nunha parte non desdeñable e facendo abstracción da época histórica na que o escribiu, dunha actualidade sorprendente», engade.

En canto a O atraco, apareceu na revista Correo de Galicia, en Bos Aires en 1969, pero non foi incluído na edición de hai uns anos da Obra poética galega, xa que Nicolás coñeceuno despois de editar o libro. O especialista enmárcao nas experiencias xurdidas «ao abeiro da súa expulsión da Hermandad Gallega de Caracas e céntrase na imposición dese pensamento único nunha inequívoca clave de denuncia».

Cheos de actualidade

Resulta imposible non relacionar ambos os dous poemas inéditos con feitos tan actuais como o movemento dos indignados. De igual modo, Longa noite de pedra, malia chegar aos cincuenta anos, é un libro «cheo de actualidade», segundo Nicolás, ademais de ocupar un lugar «fundamental na poesía galega de todos os tempos». «Proporcionoulle celebridade, musicáronse ducias de poemas do libro, reeditouse innumerables ocasións, abriulle o camiño aos lectores peninsulares mais tamén foi, indirectamente, responsable dunha lectura unívoca da súa obra e agocha outras facetas creativas, coido que moi relevantes nel, como a narrativa», conclúe.