«Que a xente poña cartos para o disco é unha responsabilidade moi grande»

La Voz

CULTURA

21 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O financiamento do novo disco de Os Cempés é outra demostración de que o retorno ten apoio. Os membros do grupo aproveitaron a páxina de financiamento aberto Verkami para pedir aportacións económicas para o disco. O grupo pedía 5.500 euros para os gastos de produción e de estudo e levan xa recadados case 7.400 euros e aínda quedan 25 días para que finalice o prazo de aportacións. Pódense aportar entre 5 e 1.200 euros e na actualidade hai 210 mecenas.

Antón Varela explica que o apoio que conseguiron «é unha carga emotiva tremenda para nós». Explica que esta axuda é «unha responsabilidade moi grande para o grupo porque unha cousa é que alguén diga cousas como que lle gustou o concerto ou que o pasou ben e outra diferente é que poñan cartos por anticipado para que poidamos pagar o disco».

O gaiteiro confía en que o resultado non vai defraudar a ninguén, explicando que será «un disco elaborado, con melodías con forza para bailar, con festa e tamén con outros paus para que haxa un pouco de todo».

Aínda apunta outro argumento para demostrar que o proxecto está xustificado: «Estamos moi ilusionados coa colaboración que facemos coa Escola Libre de Música Popular, porque sempre nos gustou estar cerca da xente nova e aprender deles, e esta colaboración vai facer que disco sexa máis especial».