Aparece un poema que Otero Pedrayo e Risco escribiron xuntos

J.?M. Sande, J. romero, X. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Os versos, redactados en alemán, están dedicados a Parga Pondal

10 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha excursión en xuño de 1936 do Seminario de Estudos Galegos polo monte Pindo foi a inspiración para que Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco escribisen un poema dedicado a Isidro Parga Pondal e cuxo orixinal se conserva no instituto que leva o nome do xeólogo. A Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de divulgar na súa web estes versos, xunto coas versións manuscritas e outros documentos como o sobre onde se gardaron. Ademais da circunstancia da escrita a catro mans por ambos os dous intelectuais, o poema ten a curiosidade de estar redactado en alemán e leva por título Auf diesem Berg, des Himmels Nachbar. O colectivo tamén achega unha tradución que fixo X.?R. Vidal Romaní ao galego: «Aquí estamos, sobre estes altos cumes, veciños do Ceo / onde o Profesor Parga Pondal / como as Walkirias corre e canta. / Mentres, os duros dentes do granito morden, / famentos, os nosos corpos, / deixando só ceibe e viva a alma / que danza e coa cal Bolboreta. / Na lonxanía a soidade do océano, / as nubes viaxeiras, cruzando o ceo. / No noso cerebro o Marxismo aniña, / tecendo o futuro da Humanidade. / Mais en chegando a noite, co canto das estrelas, / ata o Marxismo ten de acougar co solpor».

Malia o dominio de Otero e Risco do alemán, o poema contén algúns erros menores. Ademais, nunha tradución literal, os derradeiros catro versos dirían: «Cando o marxismo vive no cerebro e tece o futuro da humanidade, pero cando a noite e as estrelas cantan, o marxismo tamén ten que desaparecer».

Luís Martínez-Risco, secretario da Fundación Risco, sitúa o poema con Otero «no contexto das brincadeiras que tiñan entre eles dous, e incluso con algún autor máis da época durante esas excursións». Martínez-Risco pensa que efectivamente «se trata da letra de Risco, o que confirmaría a autoría» e cre que non é necesario «darlle máis voltas» ao seu significado, «xa que a ninguén se lle escapa que tanto Pedrayo como el eran antimarxistas».

Pola súa banda, Víctor F. Freixanes, presidente da Fundación Trasalba, enmarca o poema nun «xogo literario de alto nivel en alemán, como ten outros en latín Pedrayo, sempre moi simpáticos e dentro dese contexto de excursións por Galicia que os dous facían» e, igual que Martínez-Risco, cita o Romance de Mouros como outro exemplo. En canto ao contexto ideolóxico, Freixanes non cre que «dous intelectuais de formación tradicional e católica fixeran naqueles anos de axitación un encomio do marxismo».