O seu biógrafo sinala que falta «un estudo da súa obra como conxunto»

santiago / la voz < / span>

CULTURA

12 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Celso Emilio Ferreiro foi coñecido como moi poucos escritores, segundo apunta Ramón Nicolás, que está preparando unha biografía sobre o escritor que ten previsto publicar Xerais, despois de ter realizado numerosos estudos sobre a obra do escritor de Celanova.

Nicolás sinala que o Día das Letras Galegas «marcou un punto de inflexión na celebración: a cantidade e intensidade de actos que se celebraron, non só a nivel académico, senón e sobre todo popular». Por isto, considera o biógrafo que desde o ano 1989 non hai grandes novidades na recepción da obra de Celso Emilio «fóra dalgunhas achegas interpretativas illadas e puntuais; non hai aínda un estudo que cualificaría como definitivo sobre a súa obra».

Para Ramón Nicolás, aínda con todo o coñecemento que hai da obra de Ferreiro, quedan algunhas sombras sobre algunhas facetas e xéneros que o escritor practicou. Neste sentido explica que «sobre todo a narrativa, por non estar tan popularizada como a poética». «E son da opinión que hai aí un narrador de altura. Tamén recibe unha escasa atención o labor xornalístico e aqueloutro de carácter político derivado das súas responsabilidades políticas desenvoltas tanto na Federación das Mocedades Galeguistas como no seo dos primeiros anos da Unión do Povo Galego e na súa militancia no PSG». Sinala que tamén sería desexable desbotar «algúns tópicos evitables ao pouco que un se informe e contraste datos. O máis molesto son afirmacións acusatorias un tanto infamantes e que nunca se acompañan de documentos».

Celso Emilio Ferreiro viviu nun tempo e nun lugar e quixo ser coherente co que lle tocou. Foi un tempo no que estaba case todo por facer e el decidiu facer de todo, da literatura á política. Comezou pronto, viviu rápido, non se cortou e conseguiu acadar un estatus na vida pública que ningún outro escritor galego conseguiu ata hoxe.

Case se pode dicir que CEF foi un escritor famoso no seu tempo. Transcendeu das bibliotecas e das academias e aceptou moitas das acepcións de ser popular.

Comezou pronto na literatura e na política, e habería que entender que poderían ser dous cometidos dunha mesma intención no caso de Ferreiro. Tivo un longo historial de actividade política, participou nas Mocidades Galeguistas no 34 e, a pesar de ser detido polo franquismo, a guerra que España perdeu non conseguiu derrotar ao poeta. Durante a ditadura fundou a Unión do Povo Galego, aínda que non conseguiu ser senador por Galicia co antigo PSG.

A actividade política interferiu máis na interpretación da súa obra que na obra mesma. De maneira que os anos oitenta quizais botaron sobre a súa poesía demasiados adxectivos relacionados co social, co político e co popular. Ignorouse a narrativa e, en menor medida, a súa obra xornalística que, entre outras cousas, permitiulle vivir despois da fracasada experiencia na emigración venezolana. Ferreiro foi un especialista en transformar malas experiencias en libros significativos. Pasou polo cárcere franquista e volveu cun libro que deixou determinada unha época, Longa noite de pedra. Marchou a Caracas e volveu cambiando a cara da emigración en Viaxe ao país dos ananos.

Ananos, na versión CEF, hai moitos máis dos que o escritor puido describir, a pesar de que lle botou enerxía ao negocio. Pero había moito que facer nesa época crucial para o século XX que lle tocou ao escritor, que, malia a súa fama de coidar máis as intencións que as formas, aínda ten que recuperar a estima de autor cunha obra máis alá das inmediateces políticas, da súa capacidade satírica e mesmo alén da lírica popular.