Un congreso estudará as novas lecturas da obra de Cunqueiro

camilo franco SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O evento académico será a actividade central do centenario do autor

22 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Catro días, tres sedes, dezaseis actividades, máis de trinta comunicacións e a intención de explicar os mil e un Álvaro Cunqueiros que conviven baixo a luz da súa obra. O vindeiro venres comezará o congreso Mil e un Cunqueiro que ten, entre outras vocacións, a de recuperar a dinámica investigadora sobre o escritor e, paralelamente, incorporar novas interpretacións.

O Consello da Cultura e mais as tres universidades galegas sumaron esforzos para un congreso que pretende ser «o acto central» do centenario do nacemento de Álvaro Cunqueiro. Ramón Villares presentou onte a iniciativa que se desenvolverá entre o vindeiro mércores 28 e o domingo 1 de outubro. Para Villares, o congreso deixa patente a colaboración interinstitucional e a cooperación entre as universidades galegas.

Manuel Forcadela, Dolores Vilavedra e Teresa López forman a comisión organizadora, cada un deles como representante dunha universidade. Vilavedra e López participaron na presentación explicando as finalidades dun congreso que, para Ramón Villares, debe «aproveitar a investigación feita ata agora» e, para Vilavedra, ten que animar o mundo investigador arredor da figura de Cunqueiro, un «pouco apagado tras a celebración do Día das Letras Galegas de 1991».

Teresa López apuntou que nas liñas do congreso había dúas intencións fundamentais, «ofrecer novas lecturas sobre a súa obra e coñecer cal é a lectura que fan sobre Cunqueiro fóra de Galicia». Esta segunda liña de actividade do congreso está xustificada, segundo López, pola «dimensión universal que ten o escritor». Neste sentido, Teresa López considera que é necesario «poñer a Cunqueiro no mundo». Para López, o congreso pode resultar «sorprendente» por algunhas das aproximacións das que se realizarán. O programa abordará argumentos clásicos sobre Cunqueiro, como a tradución, a súa relación cos medios de comunicación, o popular na súa obra, e a perspectiva da súa obra en sistemas literarios como o anglosaxón. Tamén hai aportacións menos tratadas, como a de Alberto Moreira sobre o fetichismo sentimental en Cunqueiro.

Dolores Vilavedra sinalou así mesmo que do conxunto do congreso debería saír unha mellor compresión do «papel de Cunqueiro como intelectual do seu tempo e tamén cal é a lectura foránea tanto da súa obra como da súa figura». Vilavedra apuntou tamén que falta por facer unha catalogación da súa obra hemerográfica e unha dixitalización desta.

As tres universidades galegas participan na organización da iniciativa