Fernández Paz: esperanza

Ramón Nicolás

CULTURA

13 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Outra vez cómpre recoñecer o que significa Agustín Fernández Paz para a literatura galega e mais para a literatura infantil e xuvenil especialmente. Que un galardón de proxección internacional como o Premio Iberoamericano SM de Literatura recaia nun autor da literatura de noso que tanto fixo por gañar lectores, por abrir con talento novos horizontes de ficción e por normalizar a lingua na que se expresa literariamente é, sen dúbida, un motivo de enorme satisfacción.

Animo a ler e a reler as súas obras. Comparto a ledicia dos que admiramos a súa traxectoria e dos que nos sentimos preto do autor como visitantes dun corpus literario solvente, que non parou de medrar e que adquire novas irisacións a cada entrega, como testemuña o seu recente Non hai noite tan longa. Porén tamén penso que, sen que Fernández Paz o sospeite, este galardón enche de esperanza aos que cremos nas posibilidades das nosas editoriais e dos nosos libros e autores: rebate, con feitos, ese suposto ensimesmamento das nosas letras. Grazas, Agustín!