La Voz estrea mañá a novela por entregas «Historias de Oregón»

redacción / la voz < / span>

CULTURA

Xunto coa narración de Diego Ameixeiras, publicaranse os relatos dos lectores

31 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde o punto de vista literario, crimes e verán casan ben. Como os incendios. O verán ten fama de lector e La Voz alimenta o hábito publicando desde mañá a novela Historias de Oregón, de Diego Ameixeiras, gañadora da edición deste ano do Premio de Novela por Entregas que convoca o xornal en colaboración con Ámbito Cultural de El Corte Inglés.

Oregón é o trasunto literario da cidade de Ourense, que, noutras obras de Diego Ameixeiras como Dime algo sucio, xa aparece como paisaxe de fondo. Neste caso, a narración vai apoiada en tramas paralelas que combinan as súas accións.

Asuntos de actualidade

Ditas tramas recollen asuntos de actualidade, desde os incendios ata os malos tratos. Mesmo nalgún caso ten o mesmo punto de partida que feitos reais sucedidos na cidade de Ourense.

Cada día do mes de agosto, que comeza mañá, terá o seu capítulo nas páxinas literarias de La Voz, aínda que estas páxinas non teñan que ser só de papel, posto que Historias de Oregón tamén se poderá ler na web do xornal e mesmo nas aplicacións de La Voz para dispositivos móbiles e para tabletas dixitais como o iPad.

Por outra banda, como xa é habitual desde a primeira edición desta iniciativa, xunto coa novela por entregas de Diego Ameixeiras, publicaranse nas páxinas literarias de La Voz os relatos dos lectores.

Selección de textos

Ao longo do mes que comeza mañá, irase publicando nas páxinas de lecturas do xornal unha selección dos textos recibidos ao longo dos últimos dous meses, que se dividirán en dúas categorías segundo a idade dos seus autores: menores ou maiores de quince anos.

Unha vez rematado agosto, os lectores de La Voz poderán votar os seus relatos preferidos a través dos cupóns que se publicarán no xornal nas próximas semanas. Para os galardóns tamén haberá dúas categorías: unha para autores maiores de 15 anos e outra para menores desa idade. Os premios para os gañadores serán: un iPad 2 3G con wifi de 16 GB para os menores de quince anos e, para os maiores desta idade, unha tarxeta regalo por un importe de 700 euros para canxear por paquetes vacacionais (xentileza de Viajes Iberia). Os lectores do xornal que participen nesta votación tamén entrarán no sorteo dun lote de libros de Biblos Clube de Lectores.