Aprendendo de lord Jones

CULTURA

13 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Oroubo do Códice Calixtino vén de reafirmar, unha vez máis, a definición de xornalismo de Chesterton: contarlle da morte de lord Jones a xente que nin sabía da existencia de tal persoa. Xa o mesmo día en que se soubo da desaparición non faltaron voces que cun mal disimulado elitismo recriminaron ao vulgo a súa ignorancia. En realidade, o códice leva anos sendo obxecto de análises, reproducións e gravacións que, cun mínimo interese, son de fácil acceso e que deberían contribuír a sentir polo manuscrito a mesma admiración que pode inspirar o pórtico da Gloria.

A desaparición da prezada peza tamén confirma o consello que lle deu un asesor a un presidente autonómico, preocupado por buscar un gran acontecemento que promocionase o seu territorio: non hai nada como unha catástrofe para aparecer no mapa. Se ben o desexable sería que o traballo dos especialistas gozara de maior difusión, tamén é certo que nunca é tarde para aprender e un escribe as páxinas sobre o códice que lle gustaría ter publicado antes, pero coa esperanza de que quizais esta aldraxe ao patrimonio resulte nun espírito de maior protección. E non só das alfaias que escintilan na coroa da nosa cultura. Esta guerra líbrase tamén en prazas máis modestas, porque o verdadeiro valor patrimonial reside no conxunto e na estima que os seus depositarios lle concedan. E sen coñecemento non hai estima.