Os restauradores galegos únense para homenaxear a Cunqueiro

m. beceiro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Divulgarán a cociña e a literatura do escritor no seu centenario

25 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Por vez primeira os cociñeiros e restauradores galegos -os da cociña máis tradicional e a máis innovadora, así como os das estrelas Michelin e os máis pequenos e vilegos- únense nun proxecto conxunto de difusión e homenaxe da gastronomía galega, A cociña galega con Cunqueiro. Está promovido polo Consello da Cultura Galega (CCG) con motivo do centenario do escritor galego. A campaña, na que participan 40 restaurantes galegos, levará a todos eles a cociña máis querida polo autor mindoniense, enraizada en boa parte no acervo gastronómico tradicional de Galicia.

Aos clientes non só lles serán servidos os mellores pratos extraídos da literatura culinaria do narrador, senón que tamén recibirán o libro Na mesa con Cunqueiro. Antoloxía gastronómica e literaria. Un total de dez mil exemplares desta obra, editada polo CCG e escrita polo xornalista gastronómico Miguel Vila Pernas, chegarán aos clientes que se acheguen aos restaurantes a gozar da cociña escrita por Cunqueiro.

Antes de que a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, inaugurase no auditorio de Novacaixagalicia esta campaña, uns corenta restauradores galegos fixeron unha foto de familia ao abeiro da praza de abastos de Santiago cunha mazá na man, froito que Cunqueiro adoitaba ter cerca para perfumar o espazo que habitaba. O presidente do CCG, Ramón Villares, abriu o acto destacando que Cunqueiro «tivo un gusto pola cociña e polos sabores que o fai singular dentro da literatura galega», polo que o Ano Cunqueiro debería fomentar esta percepción.

Miguel Vila, responsable da selección de textos de cociña de Cunqueiro que conforman o libro que chegará aos restaurantes, destacou que na literatura en prosa do escritor «a gastronomía e a cociña están permanentemente presentes», a diferenza do que ocorre no seu teatro e poesía.