As xeografías vitais de Pereiro

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escrita do poeta ía borrando e integrando as fronteiras que cruzaba

17 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Galicia, célula de universalidade: Lois Pereiro asumiu como poucos o lema da xeración Nós. A súa obra abrangue unha xeografía persoal na que os espazos biográficos alimentaron a escrita, mentres que as lecturas e viaxes ampliaron este territorio ata conformar un universo persoal no que as fronteiras se borraban a medida que o poeta as cruzaba. O Pereiro poeta tiña clara a súa aposta polo galego -«intento crear na lingua que me é propia»- mais tamén incorporaba outros idiomas cun propósito que ía alén do estético: «Eu pretendo unha acumulación de perspectivas, unha exploración de imaxes e sons na que o ideal sería a expresión multilingüe», como lle explicaría en 1985 ao seu amigo Manuel Rivas.

Deste xeito, lecturas e viaxes achegarían esas perspectivas e experiencias que fornecerían uns poemas nos que se poden rastrexar as pegadas vitais, xa que, como dicía o propio Pereiro, biografía e creación literaria eran case sinónimas. Dende as lecturas infantís de Tintín ás xuvenís dos poetas franceses ao encontro coa obra de Bernhard e Handke, o espello no que mirarse, acabarían por decantarse en versos nos que rimaban coas propias experiencias do autor. Experiencias moitas delas nacidas das viaxes que emprendeupor Europa, preferentemente en tren. Os destinos poden agruparse nas dúas grandes correntes que resumirían os intereses de Pereiro. Por un lado, o atlantismo, con visitas a Inglaterra, Gales, Escocia, Irlanda e a Bretaña francesa, e a «xeada estética centroeuropea»: Berlín, Praga, Bruxelas, Austria...

Lingua de ida e volta

Como antes fixeran os trobadores medievais, o Otero que traducía a Joyce -outro referente multilingüe confeso-, o Manuel Antonio que falaba dos lied nos seus versos ou o Cunqueiro que publicaba as súas versións en galego de poetas mortos e vivos, Pereiro asumiu como propia unha tradición que vía no galego unha lingua de ida e volta entre o propio e o foráneo que debía -e podía- ser incorporado a un patrimonio lingüístico propio e ao mesmo tempo compartido. O elo que une a Pereiro cos escritores citados é esa capacidade de buscar e peneirar entre o mellor da cultura universal, de apropiarse dos seus referentes a través da escrita e, no caso particular de Pereiro, vivindo in situ as súas paisaxes.

O escritor a quen se honra hoxe convocou arredor de si unha enxurrada de actos, cunha notable implicación de xente nova e con todo tipo de actuacións, dende as máis institucionais ata as manifestacións artísticas de carácter máis espontáneo. En boa medida, esa capacidade de empatía cun público que non adoita frecuentar unha celebración coma a do Día das Letras débese á singular poesía de Pereiro, sincera e descarnada, pero ao mesmo tempo por ser quen de integrar na súa propia tradición os referentes do seu tempo.

Enfermidade

Que as viaxes eran fundamentais para Pereiro queda patente nos grandes esforzos que debía investir nelas nos derradeiros anos da súa vida, cando a enfermidade limitaba os seus movementos e a dor facía de cada saída un sufrimento do que, non obstante, non se laiaba. «Viña verme para pedirme permiso e saber se podía viaxar ou non», relatou hai pouco José Pedreira, o médico que o atendeu durante 13 anos. De feito, o escritor non deixou de viaxar ata que a crise de 1994 que o colocou nesa «porta xiratoria» entre a vida e a morte puxo fin a esa necesidade de subirse a un tren. Pero a natureza da maioría dos viaxes era literaria -«Iamos máis cargados de libros que de roupa», lembra a súa amiga e moza Piedad R. Cabo na biografía A palabra exacta, de Antón Lopo- e a imaxinación nunca deixou de coñecer novos mundos de papel.

Os outros, os físicos, Lois Pereiro incorporounos á súa obra, na que non servían dun mero escenario, senón que conformaban unha paisaxe vital e mesmo un estado mental. Igual que Cunqueiro reconquistou a Bretaña para a literatura galega e Camilo Gonsar paseou por Times Square, Pereiro traza nun único poema, Alerta e vixiante, unha liña que vai da dura paisaxe industrial do País Vasco e conecta cos barrios inmigrantes de Berlín cos guetos galegos de Pena Moa, O Carqueixo e O Vao, unha toponimia que di moito dun poeta a quen se lle atribúe un mundo propio e un carácter solitario, pero que non era alleo aos problemas do mundo no que lle tocou vivir. Pereiro debuxou unha cartografía vital que agora é da literatura galega.