La Voz ofrecerá o martes o libro «Lois Pereiro en 17 voces»

redacción / la voz

CULTURA

O volume emparella versos do autor con textos doutros creadores

14 may 2011 . Actualizado a las 11:18 h.

La Voz de Galicia presentou onte na sede da Real Academia Galega na Coruña o libro que dende hai xa dez anos dedica ao escritor homenaxeado no Día das Letras e que ofrecerá o vindeiro martes co xornal polo prezo dun euro. Lois Pereiro en 17 voces reúne outros tantos textos do poeta, escollidos por amigos ou estudosos da súa obra. O resultado, segundo o cualificou o director de La Voz, Xosé Luís Vilela, é «unha achega moi orixinal e que constitúe unha visión completísima dun poeta total dende ángulos diversos». Deste xeito, foi debullando as calidades do Lois Pereiro poeta: completo, profundo, ferinte e ferido, maldito, combativo, enraizado, atroz, creador, transcendente, innovador, furioso, alerta, poeta da vida e da morte e, por último, un poeta para sempre. Son visións que recollen en cadanseus textos os colaboradores do libro: Lino Braxe, César Casal, Arturo Casas, Salvador García-Bodaño, Lupe Gómez, Julián Hernández, Margarita Ledo, Miguel Mato Fondo, Pilar Pallarés, Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas, Antón Reixa, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xavier Seoane e Eva Veiga.

Pola súa banda, a irmá do escritor, Inés Pereiro, agradeceu en nome da familia a homenaxe da Academia e a publicación do libro de La Voz. Inés Pereiro cualificou o Día das Letras como unha festa «con negriña e maiúsculas», que se celebra ininterrompidamente dende 1963 grazas «á teimosía da Academia e á receptividade da sociedade, xunto co apoio da prensa, que ese día publica as súas primeiras páxinas en galego». Nesa idea de compromiso situou o libro Lois Pereiro en 17 voces, «que chegará a milleiros de lectores do xornal e que é unha das mellores formas de homenaxealo: os seus poemas seleccionados por persoas que o coñeceron ou que non, pero que en todos os casos foron alcanzados polo sentimento e a forza da súa poesía».

Como unha nova estrela

O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, salientou o feito de que nunca antes se organizaran tantos actos arredor da figura honrada co Día das Letras. Na súa opinión, o «fenómeno Pereiro» arranca coa morte do escritor e «foi medrando en silencio ata que a decisión da Academia serviu para facelo estoupar». Ferrín comparou este proceso ao das «potencias cósmicas e autodinámicas que fan medrar a súa forza na escuridade ata estoupar nunha nova estrela».

Para o presidente da Academia, Lois Pereiro en 17 voces é un libro «importante, non só pola notoriedade dos autores, senón pola profundidade dos conceptos» expresados sobre o autor e a súa obra.

A seguir, Ferrín fixo unha breve pero precisa e incisiva análise da poesía de Pereiro. Salientou como o escritor comunicou «un xeito de intimismo radical, da raíz de si mesmo», que triunfou «en días dominados pola trivialidade posmodernista, contra a que se rebelou». «Puido ser un banal posmoderno, pero non o foi», subliñou.

Para Ferrín, Pereiro era un poeta «en contradición co mundo que lle tocou vivir», o cal non foi obstáculo para estar en contacto coa música e as formas de comunicación máis contemporáneas e avanzadas do seu tempo. «Pereiro é o anti-Pessoa: o poeta non é un finxidor, senón que, como Rosalía, coloca a verdade sobre o papel e ese papel fai vibrar», afirmou Ferrín, quen situou ao poeta na mesma «xinea que o independentista Manuel Antonio, un escritor na liña de ruptura, na liña de avance máis radical», que era un «autor monolingüe en galego» e políglota nas súas lecturas. «Rachou co conformismo. Síntoo moi próximo a min porque, dalgún xeito, continuou co pathos sentimental do grupo Brais Pinto», concluíu sobre a conexión que percibe coa obra de Pereiro.

«Os textos foron seleccionados por persoas que foron alcanzadas pola forza da súa poesía»

Inés Pereiro

«Pereiro era un escritor monolingüe en galego, pero políglota nas súas lecturas»

Xosé Luís Méndez Ferrín