Homenaxe a Díaz Castro nos 50 anos de «Nimbos»

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O poeta será lembrado coa terceira Festa da Palabra na Insua dos Poetas, o vindeiro mes de xullo

10 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O 5 de xullo de 1961 saíu do prelo da Editorial Galaxia Nimbos, o senlleiro poemario de Xosé María Díaz Castro (1914-1990) que contén algúns dos versos máis populares da literatura galega, como os que encabezan Penélope: «Un paso adiante i outro atrás, Galiza?/?i a tea dos teus soños non se move». Cincuenta anos e catro días despois, o vindeiro 9 de xullo, poeta e libro serán lembrados na terceira edición da Festa da Palabra, que se celebra na Insua dos Poetas, en Esgueva, na parroquia de Madarnás, no concello do Carballiño.

A homenaxe comezará ás 12.00 horas e consistirá nun acto literario no que participarán estudosos da obra de Díaz Castro, terá lugar un recital poético e a inauguración dunha escultura de Xosé Cid, alegórica do célebre Penélope. Como xa é habitual nestas celebracións, tamén tomarán parte os veciños da zona, que compartirán xantar e música cos escritores, artistas e representantes das institucións culturais que organizan e colaboran na xornada: Fundación Insua dos Poetas, PEN Club de Galicia, Galaxia, Real Academia Galega, Fundación Curros Enríquez, Deputación de Ourense, Consellería de Cultura, Política Lingüística e Inorde.

A Insua dos Poetas é unha finca de seis hectáreas entre os concellos do Carballiño e do Irixo, doada polo escritor e presidente do PEN galego, Luís González Tosar, para a celebración de actividades relacionadas coa literatura, as artes plásticas, a música e a cultura en xeral.

Díaz Castro pertence á chamada xeración do Seminario de Mondoñedo. Abandonou os estudos eclesiásticos polos de Filosofía e Letras e traballou como profesor e tradutor. Deixou un poemario inédito en castelán, Sombras radiantes.