Uns Mestre Mateo con dobre sentido

camilo franco OURENSE / LA VOZ

CULTURA

No audiovisual galego cando non se fala de cartos todo é moito máis divertido

19 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

No audiovisual galego cando non se fala de cartos todo é moito máis divertido. Hai talento, hai música, hai comedia e ata hai porvir -que palabra-. Pero logo chegan as facturas e acabouse a alegría. Os cartos manchan moito, quizais por iso tanto recorte.

A novena edición dos Mestre Mateo demostrou dúas cousas: en xeral, o sector está de acordo sobre cal é a circunstancia que vive e que os recortes acabarán coa proxección dos profesionais e as producións galegas. A segunda cousa é que o relevo xeracional xa está aquí. Quizais se deixou sentir antes entre as actrices e os actores, pero o dominio da gala dos Mestre Mateo foi para películas feitas con caras novas, con historias novas.

As mensaxes dos equipos de 18 comidas, como ganadora, e dos ganadores das outras categorías coincidiron en que «hai talento para seguir traballando» e, como dixo Tosar, «fan falta os cartos privados e os públicos para que o sector siga en marcha».

Na exaltación da noite, Farruco Castromán, produtor tanto na película de Coira como en Crebinsky, quixo asumir a tarefa imposible de «dar traballo a todos os que estades aquí». Pero o Auditorio de Ourense estaba cheo ata o galiñeiro.

Na dobre perspectiva da calorosa noite, por unha banda quedaba a seguridade de que os profesionais están «no mellor momento da historia», segundo o presidente da Academia, e por outra, unha idea de que os tempos non son continuados e o sector está a punto de perder o territorio ganado.

Como este é un sector dado ás historias de ficción, a resposta a tanta inseguridade institucional chegou da soltura de Luís Zahera, quen decidiu improvisar contestando aos apuntes de Marcos Nine, Miguel de Lira ou ao templado discurso de Xosé Manuel Olveira. Zahera non contestou por si mesmo, asumiu o papel de Alberto Núñez Feijoo e aí mesmo improvisou unha resposta institucionalmente balsámica: o audiovisual seguirá.