O detective Frank Soutelo regresa en «Lume de cobiza»

redacción / la voz

VIGO CIUDAD

A partires da morte dun mozo por sobredose, Soutelo meterase nunha espiral de descubertas nada agradables vinculadas con sectores como o do ladrillo e a especulación

18 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O detective Frank Soutelo deixa Los Ángeles para resolver o seu primeiro caso en Galicia en Lume de cobiza, que chegará ás librarías no próximo mes de abril da man da Editorial Galaxia na súa colección Literaria, a mesma que acolle as anteriores entregas da creación de Miguel Anxo Fernández. Fillo de pai de Soutelo de Montes e nai de Muros, ambos emigrados en Nova York, o popular sabuxo deberá alterar as súas merecidas vacacións galegas coa súa familia muradá, e resolver un caso por puro compromiso ambientado na vaga de lumes que afectou ao país no verán do 2006.

A partires da morte dun mozo por sobredose, Soutelo meterase nunha espiral de descubertas nada agradables vinculadas con sectores como o do ladrillo e a especulación, aínda que resoltas co seu particular recurso ao humor e á retranca, ao tempo que fica asombrado polo furor incendiario e ve aflorar a súa agachada alma ecoloxista. Non faltará o seu álter ego, o funerario Sugar Jones, casualmente en Galicia para asistir a un congreso internacional da súa especialidade, nin tampouco as acostumadas referencias cinéfilas presentes na serie. A novela percorre cidades como Compostela e Vigo, ademais de vilas como Muros, Cambados e O Carballiño, entre outras. Con Lume de cobiza, Miguel Anxo Fernández ten a intención de manter a Soutelo nalgún caso máis por Galicia, aproveitando a aparición de personaxes secundarios que se engadirían aos seus colaboradores ocasionais.

A serie de Soutelo comezou no 2002 con Un nicho para Marilyn e continuou con Un luar no inferno, e Tres disparos e dous friames.