Repsol e Educación convocan a quinta edición do premio dedicado á narrativa breve

redacción / la voz

CULTURA

O premio está dotado con 9.000 euros e contempla a publicación da obra por parte da editorial Galaxia.

03 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Consellería de Educación e a Fundación Repsol asinaron onte un convenio que permitirá unha nova edición do premio de narrativa breve que leva o nome da empresa enerxética. Tanto o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez, como o vicepresidente da Fundación Repsol, César Gallo, subliñaron o apoio que o galardón supón para as letras galegas, ademais de destacar a súa consolidación como «un dos referentes para os escritores galegos, que teñen aquí unha gran oportunidade de dar a coñecer a súa obra», segundo Vázquez.

O premio está dotado con 9.000 euros e contempla a publicación da obra por parte da editorial Galaxia. Os aspirantes teñen de prazo ata o 22 de xullo para enviar orixinais de entre 50 e 120 folios, que deberán remitir á refinería da Coruña.

En edicións anteriores, este premio recaeu en obras presentadas por Miguel Sande, Anxos Sumai, Xosé Luís Martínez Pereiro e Xurxo Sierra. O xurado estará formado por representantes de Política Lingüística, a Fundación Repsol, a Real Academia Galega, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e Galaxia.