«Recuperar a memoria non é traer a belicosidade ao presente»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O autor lucense publica en galego a historia do escapado Manuel Girón

25 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, 1948) topou de casualidade coa historia de Manuel Girón Bazán consultando documentación sobre escapados na posguerra. O escritor galego non tiña pensado relatar as aventuras e desventuras deste guerrilleiro antifranquista, natural de La Cabrera, na montaña occidental leonesa, pero ao final asumiu a súa escrita. O resultado foi A agonía do León, publicado orixinariamente en castelán en 1995 e que entón gañou o premio Rodolfo Walsh de literatura testimonial. Agora aparece en galego (Xerais), cun epílogo no que Reigosa, que presentou onte o volume en Santiago, dá conta de como a súa publicación reviviu no Bierzo aqueles feitos do pasado.

-¿Por que a historia de Girón? ¿Que tiña de especial?

-En realidade, esta foi unha historia que me escolleu a min, xa que apareceu de xeito marxinal mentres investigaba sobre escapados. Chamoume a atención que estaba mal contada: os que aparecían como malos eran os bos, e os que aparecían como traidores non o foran. Dicíase que Alida, a compañeira sentimental de Girón, foi quen o entregara, e iso era falso. Unha noite espertei ás catro da mañá e tomei nota dos capítulos para o libro. Cando o rematei eran os mesmos que se me ocorreran entón. Girón foi un caso extraordinario de resistencia, moi querido polos seus, pero tamén moi odiado polos seus inimigos, cunha gran intuición e capacidade de liderado. Era cavador de viñas, algo que tamén era El Empecinado, por certo.

-Ademais dos relatos dos historiadores, empregou moitas fontes orais para compoñer un relato que se pode ler de múltiples xeitos.

-Creo que lle acae ben a definición que fai Manu Leguineche no prólogo, onde di que se trata dun descenso aos infernos da posguerra española. E é certo. Eu comenteille á compañeira de Girón que tamén habería algún momento de paz, bonito, e respondeume que non, que todo era «negro, horrible». O libro é poliédrico: pódese ler como unha novela policial, como una crónica xornalística ou un libro de historia. Tamén o foi na súa xénese, xa que aínda que fixen moitas entrevistas, nunca perdín de vista a información publicada polos historiadores ou textos da Garda Civil sobre a guerrilla. Déronme moita información contraditoria, pero si existía unha zona de sombra na que se daban coincidencias. Girón era un tipo brutal, e iso significaba que uns o tiñan polo seu anxo protector, pero cos que estaban enfronte non tiña piedade. Por último, tamén se pode ler como un libro de viaxes a La Cabrera.

-¿O espazo xeográfico tamén foi determinante na historia?

-Alí a Guerra Civil non durou tres anos, senón quince. Mantívose un enfrontamento de dous bandos, nun espazo illado no que non había luz e bastante incomunicado. Hoxe hai tres accesos, pero foron construídos despois. Alí os anos 37, 39, 40, 46, 48 foron iguais. En realidade, a guerra acabou coa morte de Girón, pero durante anos se mantivo un conflito que deixou moitas pegadas. Algúns dos que falaban comigo dicían: «Aquí os gardas o pasaban mal, porque ía frío e pagaban pouco; os guerrilleiros tamén o pasaban mal, pero os que peor o pasabamos eramos nós, que nos daban polas dúas partes».

-No epílogo desta nova edición, di que a publicación en 1995 veu remexer aquela historia. ¿Que foi o que pasou?

-A edición esgotouse en 15 días e en Ponferrada comezaron a aparecer pintadas que dicían «Viva Girón» e outras mensaxes semellantes. A reivindicación paréceme normal, pero o malo é traer a Girón ao presente. Recuperar a memoria do pasado non significa traer a belicosidade ao presente. Era o que dicía Baroja de novelar as batallas do XIX, que debían permanecer nese século. Unha das cousas curiosas que aconteceron foi que se soubo que un home gardaba nunha caixa os ósos de Girón, convencido de que era a reencarnación de Emiliano Zapata. Logo un sobriño que estaba en Francia mercou un nicho para poder enterralo. Tamén se fixeron dous documentais.

-A historia transcorre principalmente no Bierzo, pero Girón tamén se movía por Ourense e mantiña vínculos cos maquis galegos.

-Si, realmente os guerrilleiros do Bierzo sempre estiveron vinculados coas guerrillas galegas a través da Federación de guerrillas de León e Galicia primeiro e logo do Exercito Guerrilleiro Galego. Girón movíase por La Cabrera e Ponferrada, pero tamén por Carballeda de Valdeorras. El, como os galegos, viviu catro etapas moi diferentes. A primeira, entre 1936 e 1938, onde tiveron que aprender a esconderse. Logo indultaron aos que non tiñan delitos de sangue e moitos abandonaron, para pasar a uns anos entre 1942 e 1946, nos que ata eran convidados a xantar nas casas dos ricos, que pensaban que ao remate da guerra mundial tamén caería Franco. Por último, entre 1946 e 1948 o Partido Comunista tomou control da guerrilla e intensificou a loita con gran dureza: ou gañaban ou perdían, ao final perderon. Neste sentido, a vida de Girón é equiparable a dos escapados galegos, como Foucellas, O Gardarríos ou José Neira.

carlos g. reigosa escritor e xornalista

«Un home gardaba os seus ósos, crendo que era a reencarna- ción de Zapata»

«Girón foi un caso extraordinario de resistencia, moi querido pero tamén odiado»