A poesía de Lois Pereiro volveu onte a un singular bar da Coruña

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Versos e música soaron na presentación da súa biografía

03 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«E entón, pasado medio ano, empecei a escribir en todos os cafés, en todo os lugares, en todas as libretas, nas servilletas dos bares, e unha das cousas que lin, que escribín, era este poema, aínda perplexo por seguir neste mundo». Isto contaba Lois Pereiro, nun recital que deu en 1996 no Moka, un local de jazz da Coruña falando dos versos do libro Poesía última de amor e enfermidade. Na noite de onte, os versos do poeta volveron a outro dos locais máis singulares da cidade, o Borrazás. «¡Cantas veces ten entrado por esa porta a poderosa humanidade do gran Urbano Lugrís!», arengaba Xurxo Souto a todos os que ateigaban o local, co conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e varios cargos do seu departamento sentados en primeira fila.

Os fumadores escoitaban desde a rúa do Orzán, tamén pola dificultade para poder entrar. «Calade, que ao mellor perdémonos algo que nunca escoitamos. ¡Pasa unha caixa de garimbas, que non dou pasado!», decía alguén desde a porta.

O motivo do encontro era a presentación da fotobiografía Lois Pereiro, a voz insurxente (Ouvirmos). «¡Fala máis alto!», pedían os presentes a Xosé Manuel Aldea, o editor, que agradeceu a colaboración dos autores das 140 fotos que leva este libro e que proxectaron onte. «Estaba previsto que se proxectasen fotos, pero se as ven iso torna de que mercan o libro», chanceou Xosé Manuel Pereiro, xornalista e irmán do poeta, antes de que se visen. Tamén lembrou aos amigos e fans do poeta e ironizou con que «teriamos que facer algo todos, cortar o pelo dalgún xeito». Pereiro agradeceu «de todo corazón» a presenza de cantos ateigaban o local, unha mestura de escritores, políticos do PP e BNG, fotógrafos, escultores, profesores e, sobre todo, admiradores do poeta.

Manu Clavijo foi un dos que cantou poemas de Pereiro. «Ese é Revisando os demos», apuntaba un dos asistentes. Clavijo confesou que se puidera pedir dous desexos «o primeiro sería poder coñecer á miña nai e o segundo poder coñecer a Lois Pereiro». Mentras a rúa se ía enchendo, polo escenario ían pasando Lino Braxe, Xurxo Souto, Antón Reixa ou Manuel Rivas, todos participantes na fotobiografía. E ás dez da noite, no reloxo de Correos, soou a Negra sombra, ao mellor, porque, como sostén Rivas, «poderiamos falar dun Pereiro rosaliano».

«Aquí ten escrito os seus poemas, pero hoxe non podería facelo: agora non deixan fumar»

Xosé M. Pereiro