Homenaxe da RAG a Xoán Manuel Pintos

X. F. redacción / la voz

CULTURA

A sesión terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra e no acto intervirán Xosé Luís Axeitos, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero.

20 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Real Academia Galega celebrará o vindeiro sábado unha sesión extraordinaria, aberta ao público, co obxectivo de homenaxear a Xoán Manuel Pintos, un dos precursores do Rexurdimento, e de quen se cumpre agora o bicentenario do seu nacemento. A sesión terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra, ás 12 horas, e no acto intervirán Xosé Luís Axeitos, Rosario Álvarez Blanco, Xosé Ramón Barreiro Fernández e Xesús Alonso Montero.

Pintos naceu en Pontevedra en 1811 e faleceu en Vigo en 1876. A súa principal obra é A gaita gallega, que, ademais, foi a única que viu publicada en vida. Tamén é autor dunha variedade de textos que están espallados polos xornais cos que colaboraba, como El País e La Perseverancia, ambos os dous editados na súa cidade natal. En A gaita gallega o autor desenvolve unha defensa do galego e da súa dignificación, a través dunha especie de manual, escrito tanto en prosa como en verso, para entender os usos da lingua. Para isto, Pintos válese de dous personaxes, Cristus e Pedro Luces. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1975.

Novos académicos

Ademais, a Academia celebrou o pasado sábado unha sesión plenaria na que se acordou nomear académicos correspondentes aos poetas Víctor Campio Pereira e Farruco Sesto. Tamén se decidiu o nomeamento do historiador e xenealoxista Carlos Alberto Zubillaga como académico electo de honra. Zubillaga naceu en Montevideo en 1941 e é autor dunha vasta obra de temas históricos dende unha perspectiva multidisciplinar. Pola súa banda, Víctor Campio (Maside, 1928) é autor de poemarios como O ar que nos leva ou Perdida luz; o PEN Club de Galicia publicou a súa poesía reunida.

Farruco Sesto (Vigo, 1943) exerce como arquitecto en Venezuela e escribe poesía en galego, con títulos como Da estrela e da fouce ou Arte poética. Poema de amor a Rosalía.