José Antonio Caride: «Un dicionario pedagóxico é un compromiso e un desafío»

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

CIENCIA

Un dos coordinadores do «Dicionario galego de pedagoxía» sinala que esta obra pretende «sintetizar o coñecemento de 25 anos desta ciencia en Galicia»

24 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Con vocación de, cando menos, resumir 25 anos de pedagoxía en Galicia, de sistematizar os coñecementos ao seu redor naceu o Dicionario galego de pedagoxía , coordinado por José Antonio Caride e por Felipe Trillo.

-¿Que vocación ten un dicionario pedagóxico como o que acaban de publicar?

-Entendemos que é unha obra de compromiso e un desafío co saber pedagóxico e coas ciencias da educación en Galicia. Tamén pretende ser un testemuño das aportacións dos profesionais da educación no país nas súas compoñentes académica e científica, entre outras. Así mesmo, pretende resumir as aportacións ao coñecemento da educación realizadas dende que hai 25 anos se implantou Pedagoxía en Galicia. Creo que a comunidade educativa galega podía dar resposta a este compromiso e a este desafío.

-¿Hai baleiro neste tipo de publicacións?

-En España non se ten elaborado algo similar nos últimos 25 anos. Tampouco nunca se fixo un dicionario no que se reflectise o pensamento pedagóxico galego e creo que unha publicación como esta pode ter repercusión no resto da Península ou en Iberoamérica.

-¿Cal é a liña que segue este dicionario?

-Un dicionario comporta situar coas palabras algún tipo de explicación, interpretación, non só unha descrición. Neste sentido, o dicionario define e toma postura clara cando define. Hai 176 autores e tratamos de respectar o que di cada quen. Pensamos Felipe Trillo e mais eu que a identidade de cada autor debía quedar clara e por iso cada unha das entradas leva a firma do autor que a redactou. A outra liña é a da identidade porque o dicionario quere ser vocacional e intencionalmente galego. Por outra parte, queriamos facer un dicionario de pedagoxía, pero que non fose só pedagóxico, que tivese certa interdisciplinariedade e que ofrecese unha visión de conxunto da educación.

-Un dicionario é unha obra que nunca está concluída. ¿Canto lles quedou por facer?

-Entendemos en moitos sentidos que esta é unha obra aberta. Primeiro, porque foi feita de xeito moi aberto atendendo a todos os pareceres, porque é unha obra inclusiva na que se incorporaron os últimos avances da pedagoxía. Pero tamén é aberta porque pensamos seguir traballando nela. Encantaríanos que houbese unha versión para a Rede que puidese ir medrando conforme van sucedendo cousas. Pero tamén estamos traballando para que a obra poida chegar a outros públicos ademais do galego.

-¿Cales son ese públicos aos que vai dirixido este libro?

-Tamén neste sentido quixemos facer un libro aberto. En principio é para profesionais, pero tamén é unha obra para os pais. Este é un libro que pode chegar a moitos públicos, porque os lectores poden chegar a un termo ou a moitos termos. Dende un estudante, un pai, unha nai, un profesional dos moitos da educación a un político que ten que tomar decisións nese ámbito. A obra quere seguir ese sentido vitalista que debe ter a educación e tamén incluímos a traducións a cinco idiomas das definicións, polo que eu creo que o público que pode ter interese nela é o mesmo que se interesa pola educación.