Dicir Marcos Valcárcel

Ramón Nicolás

OURENSE CIUDAD

06 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Sopraba onte en Galicia toda un corisco, ou unha escarabana como din por terras ourensás, que fería na pel e mais no corazón. Tras unha longa doenza que soportou con enteireza e estoicismo Marcos Valcárcel, o profesor, o activista cultural, o investigador, o columnista en prensa, o ensaísta e historiador, pero tamén o home xeneroso, atento, tolerante e afable pasou a estar para sempre alentando na memoria dos seus e mais daqueles que tiveron a sorte de coñecelo; sen dúbida pasou a quedar no traballo monumental que deixou esparexido nas liñas dos artigos, nas palabras das presentacións, nos libros que foi escribindo ao longo da súa curta vida.

Ninguén como Marcos para informar sobre un autor, un poema, un texto en prosa ou un dato erudito perdido na prensa ourensá; ninguén coma el para iluminarnos sobre a relevancia da época Nós e a súa actividade na cidade que, ao fin e ao cabo, simbolizaba e representaba porque dicir Marcos era dicir Ourense, literatura, lingua galega, as uvas na solaina, Otero, Ferro Couselo e Eladio Rodríguez, Carlos Casares e Xaquín Lourenzo? Dicir Marcos Valcárcel era, e seguirá a ser, sinónimo de paixón por un país que hoxe se ergue un pouco máis orfo.