A Xunta destacará a unión física, cultural e espiritual entre Galicia e Europa no XIV Congreso Estatal de Voluntariado

La Voz

CULTURA

03 dic 2010 . Actualizado a las 17:31 h.

  • A titular de Traballo e Benestar participou en La Rioja na clausura da XIII edición, onde avanzou a vocación europeísta do acto que organizará Galicia o vindeiro ano

  • Mato salientou que a celebración do congreso coincidirá coa aprobación da Lei galega de Acción Voluntaria e do Plan Galego de Voluntariado 2011-2015

  • Destacou a relevancia da colaboración de todos na atención das necesidades sociais nestes momentos difíciles

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, avanzou hoxe que a Xunta destacará a unión «física, cultural e espiritual» entre Galicia, España e Europa a través da ruta xacobea no lema da XIV edición do congreso estatal de Voluntariado que se celebrará o vindeiro ano na comunidade.

Na súa intervención na clausura deste evento en La Rioja, a titular da Administración sociolaboral galega destacou o labor pasado e presente do Camiño de Santiago na transmisión de valores como a solidariedade e, deste xeito, xustificou a intención do Goberno galego de organizar un congreso con «vocación europeísta».

Mato salientou o carácter solidario do Camiño, no que ve un «xerme» do espírito que radica en toda acción voluntaria: humanidade, compañeirismo, cooperación e solidariedade. Nesta liña, aludiu ao traballo realizado por miles de voluntarios galegos e especialmente dos máis novos que se ten evidenciado, segundo gabou, na celebración do Ano Santo.

«O voluntariado galego ten dado mostras da súa fortaleza», asegurou ao respecto, tras apuntar que máis de mil persoas, de todas as idades, teñen participado nas actividades relacionadas co asesoramento das distintas rutas xacobeas achegando a súa propia experiencia.

Por iso, a Xunta ten escollido para o XIV congreso estatal de Voluntariado que acollerá a comunidade galega en 2011 o lema «Camiños da Solidariedade». A conselleira incidiu na vontade de que toda Galicia participe «abertamente» nas actividades que acompañarán a este evento.

Lei galega de Acción Voluntaria e Plan Galego de Voluntariado

Así mesmo, a titular de Traballo e Benestar expresou a súa satisfacción polo feito de que o congreso coincida coa celebración do Ano Europeo do Voluntariado e co exercizo no que se aprobarán a Lei galega de Acción Voluntaria e o Plan Galego de Voluntariado 2011-2015.

Mato situou a transmisión dos valores do voluntariado como un dos activos máis importantes para afrontar o futuro e, neste sentido, solicitou a colaboración de todos na atención das necesidades sociais a fin de construír unha sociedade «más forte» de cara ao medio e longo prazo.

Por iso, defendeu a potenciación do voluntariado na área social como un dos principais obxectivos do Goberno galego na actualidade. «Nestes tempos nos que se fala tanto en termos económicos, non debemos esquecer un activo esencial e de enorme rendibilidade humana e social: a solidariedade e acción voluntaria», manifestou ao respecto como conclusión.