O CDG opta por unha visión «satírica e política» de «Salomé»

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

María Mera, que protagoniza a obra, sinala que o seu papel «terá menos carga erótica»

08 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Respectar o texto e cambiar o contexto é unha das liñas marcadas por Carlos Santiago para a que será a primeira montaxe do Centro Dramático Galego da etapa baixo a dirección de Blanca Cendán. Tanto o director como o reparto desta produción, que se estrenará o día 26 deste mes, consideran que a polisemia de Oscar Wilde é perfecta para «un cambio de época e para darlle un contexto máis próximo ao espectador». «A circunstancia na que están os personaxes cambia, pero o que din e o que fan non, esa é unha grandes virtudes do texto de Wilde que, como bo clásico, permite ser leal ao que escribiu e ao mesmo tempo manobrar co que queremos contar nós», afirma o director. Carlos Santiago, que dirixe por primeira vez ao CDG asegura que a proposta para esta Salomé ten sorpresas porque cando a xente vexa o «decorado vai colocarse diante da mesma historia pero doutro xeito». A acción segue sucedendo en Galilea que, segundo o el, xa é «un nome que ten certa proximidade a Galicia», pero lonxe de ser unha historia de romanos está «máis cerca do presente aínda que sen precisar a data». Carlos Santiago sinala que o que si se eliminou foron «os exotismos orientalistas e as interpretacións relixiosas». Explica o director que a lectura que se fai do drama «é satírica por un lado e política polo outro». Apunta o director que se «trataba de dar outra interpretación do texto e o carácter un pouco satírico encaixaba mellor que unha circunstancia dramática». No mesmo sentido considera o director que algúns «dos debates relixiosos da obra son perfectamente entendidos, sen cambiar o texto, como debate político».

Neste mesmo sentido coincide un dos actores, Hugo Torres, ao sinalar que Wilde era «algo galego porque utilizaba de maneira xenial a ironía e hai partes do texto que son verdadeiras xenialidades».

Para a intérprete de Salomé, María Mera, a versión do CDG e a súa interpretación vai ofrecer algunha novidade porque considera que «a ollada habitual que hai sobre o personaxe está demasiado cargada de erotismo como se fose de único sentido». Mera, que tamén traballa por primeira vez para o teatro institucional galego apunta que «o carácter de Salomé ten máis matices e máis carácter que só a carga erótica que identifica».