«A esmorga» con todas as letras

Camilo Franco REDACCIÓN/LA VOZ.

OURENSE CIUDAD

Galaxia edita a versión definitiva da novela de Eduardo Blanco Amor, sen os recortes que a censura realizou nos anos setenta na primeira edición en Galicia

06 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As marcas das ditaduras tardan en desaparecer. Hai casos clamorosos e outros que precisan de máis tempo. Nesta última circunstancia estaba esa novela que o canon da literatura galega sitúa como a mellor das escritas no país, A esmorga. Pasados cincuenta anos da súa primeira publicación en Arxentina e outros trinta dende que apareceu en Galicia, a novela de Eduardo Blanco Amor está chegando estes días ás librerías galegas na súa edición definitiva, tal como foi escrita e sen as tachas que lle puxo a censura.

Foi Xosé Manuel Dasilva quen chamou a atención sobre que a edición da novela que circulaba por Galicia, polas librerías, polos institutos, polas mesas redondas e polos congresos era unha versión capada do texto que Blanco Amor escribira a finais dos cincuenta en Bos Aires. Dasilva sinala que os cambios afectan só ao quinto capítulo da novela e que, como norma xeral, teñen que ver co papel da Garda Civil nas torturas que padece o protagonista da novela, Cibrán. Dasilva explica tamén que eses cambios «afectan ao xeito en que se entende o desenlace da historia».

Os cambios, segundo apunta o investigador, non son grandes dende o punto de vista numérico porque «son uns anacos case todos no mesmo sentido», pero advirte que estes textos recuperados «permiten entender moito mellor o final da novela e as motivacións» que ten ese desenlace.

Xosé Manuel Dasilva publicou na revista Grial un estudo sobre as dificultades da novela de Blanco Amor e a súa novela coa censura. Lembra o investigador que despois de escribir A esmorga tentou publicala en Galicia no ano 1956 por mediación de Ramón Piñeiro, director editorial de Galaxia, pero recibiu a oposición frontal da censura do momento, que segundo o ditame de Miguel Piernavieja del Pozo, militante da Falange, tiña «un lenguaje soez» que impedía a súa publicación. Blanco Amor resignouse nese momento e a novela apareceu tres anos máis tarde en Arxentina.

Os problemas de A esmorga coa censura non acabaron aí e volveron a aparecer en canto Blanco Amor tentou publicar de novo a obra no seu país. Dende que aparecera en Bos Aires pasaran dez anos cando o escritor de Ourense volveu intentar conseguir que a historia que transcorre nesa cidade puidese ser lida polos seus veciños.

Nesta ocasión, era a Editorial Castrelos, dos irmáns Álvarez Blázquez, a que solicitou permiso da censura para editar a novela contra finais dos anos sesenta. A censura mostrouse desta vez menos reprobatoria coas maneiras de expresarse dos personaxes de Blanco Amor, pero encontrou algúns problemas no mal parada que saía a Garda Civil no retrato que o autor facía das súas accións violentas sobre o personaxe protagonista.

As pasaxes do capítulo 5 foron recusadas pola censura e Blanco Amor decidiu substituílas por outras menos directas sobre o papel dos números do corpo policial. O escritor decide cambiar de editorial nese proceso, muda de Castrelos para Galaxia e entrega á imprenta a versión aprobada pola censura.

Anos despois, a editorial recuperou unha versión do orixinal que recobra o auténtico final da novela sen a ambigüidade sobre se a morte do protagonista fora por causa da Garda Civil ou de propia man. Pero esta versión, que se aproximaba moito máis a aquela inicial escrita por Blanco Amor, non era aínda, segundo explicaba Xosé Manuel Dasilva despois de investigar o expediente da censura, a versión con todas as letras desta obra.

Faltaban aínda fragmentos por restaurar que incidían sobre todo nas torturas recibidas polo personaxe. Fragmentos que están xa incorporados á versión definitiva de A esmorga, que estes días chegan ás librerías galegas.