Raúl Dans gaña o Cunqueiro cun texto protagonizado por mulleres

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

CULTURA

Xavier Lama foi o gañador do Manuel María, dedicado a textos de teatro para cativos

19 oct 2010 . Actualizado a las 02:58 h.

Os primeiros minutos da Feira Galega das Artes Escénicas foron para lembrar a Suso Díaz, o desaparecido integrante de Sarabela. Os seguintes foron para dar a coñecer a nova fornada de creacións gañadoras dos catro premios de textos escénicos que promove a Agadic.

Os textos son novos, pero as caras dos seus autores son coñecidas. Raúl Dans acadou o premio Cunqueiro, Xavier Lama obtivo o Manuel María e Xosé A. Neira Cruz e mais Inacio Vilariño gañaron os galardóns Barriga Verde. Chegamos despois a unha terra gris é o título da obra galardoada nesta edición do premio Cunqueiro. Raúl Dans gañou este premio en 1994 e volve facelo cunha creación que, segundo o xurado, dá «un tratamento non oportunista dun tema de actualidade».

Xosé A. Neira Cruz é un habitual entre os gañadores de certames literarios e xa lograra o Barriga Verde hai dous anos, no apartado de textos de monicreques para cativos. Neste caso, Neira Cruz gañou o apartado deste premio no que se escollen textos para adultos. Pedra sobre pedra é o título da obra, que para o xurado «ten versatilidade para ser exhibida en grande ou pequeno formato e permite darlle un tratamento novidoso a un motivo artístico tradicional como é o pórtico da Gloria».

Neira Cruz falou do Mestre Mateo para referirse ao «espolio das ideas». Pola súa parte, Inacio Vilariño gañou o premio para cativos con Fábula galénica . Na mesma sesión fallouse o premio Manuel María de textos teatrais para cativos. Foi gañado por Xavier Lama pola obra Os reloxos preguiceiros de Néboa , na que conta como todos os reloxos dunha poboación se deteñen.