O Pen Clube de Galicia publica a antoloxía de José María Millares, último Premio Nacional de Poesía español

La Voz REDACCIÓN/LA VOZ.

CULTURA

10 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Baixo o título de Case cen poemas: antoloxía esencial o Pen Club de Galicia publicou unha das máis coidadas antoloxías da obra do poeta canario José María Millares que faleceu o ano pasado e que nesta semana foi premiado co Premio Nacional de Poesía pola súa obra Cuadernos, premio que ten carácter póstumo.

Dentro da colección de poesía que o Pen Club ven mantendo nos últimos anos, decidiu a sección galega desta asociación rescatar dese silencio que rodeaba ao poeta canario escollendo da súa obra unha escolma representativa da mesma para ser verquida ao galego.

Segundo Luís González Tosar, a obra de Millares «é excepcional e cremos que un poeta así ten que ser cando menos algo coñecido en Galicia e dende logo publicado». Foi Juan Rodríguez Padrón o responsable de facer a escolma entre a ampla obra do escritor canario. Os versos foron traducidos ao galego por Manuel Fernández Rodríguez nun volume que se publicou a finais do ano pasado.

José María Millares debutou como poeta en 1949 cun libro que, en aquela altura, aínda non estaba influído pola cultura pop. Liverpool era o título do volume que a dicir dos especialistas non foi moi ben entendido na época. Ese libro foi reeditado no 2008 por Calambur, editorial que tamén asumiu a publicación de Cuadernos. Este último volume foi o que o xurado do Premio Nacional de Poesía escolleu como o mellor entre os publicados en calquera das linguas do Estado español durante o ano 2009. O volume recollía toda a obra poética que este autor realizou entre o 2000 e o 2009. Millares tivo unha presenza poética discreta e só durante os últimos anos da súa vida comezou a recibir homenaxes e recoñecementos. Algúns deles tan tardíos que só chegaron despois da desaparición física do poeta.