Manuel Sendón e Amaya González, únicos galegos dos once artistas nos que o CGAC gastou cen mil euros en Arco

La Voz

CULTURA

O centro de arte galego gastou 100.000 euros para facerse con 26 pezas de once creadores.

26 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O fotografo Manuel Sendón e a artista multidisciplinar Amaya González Reyes son os únicos creadores galegos que figuran na lista de compras de obras de arte realizadas polo Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) na pasada edición da feira de arte contemporánea Arco, celebrada en Madrid, para a que foron seleccionadas só dúas galerías galegas, Ad Hoc, de Vigo, e Factoría Compostela, de Santiago.

O centro de arte galego gastou 100.000 euros para facerse con 26 pezas de once creadores. Adquiriunas a once galerías españolas e estranxeiras, ademais de a Factoría Compostela, que foi a que presentaba a serie de catro fotografías dixitais en caixas de luz, Derradeira sesión , de Manuel Sendón. Esta obra formou parte dunha exposición que se puido ver o pasado ano na Casa da Parra de Santiago.

As dúas pezas de Amaya González Rey mercáronllas á galería madrileña Pilar Parra & Romero, que presentou á artista pontevedresa na sección de Arco Solo Projetsp, onde acadou un gran éxito de público e vendas co proxecto de 485 facturas propias, en lenzos apilados, por valor de máis de 27.000 euros. As pezas que mercou o CGAC son Estrategias formales e Confidencias , esta última un texto impreso.

O lote de obras responde ao criterio, segundo indica a Consellería de Cultura, de que agás Manuel Sendón e Dora García, da que adquiriron El cuaderno de notas na galería Juana de Aizpuro, e un vídeo dixital na galería barcelonesa Projestesd, de que son de artistas «cuxa obra non estaba presente na colección» do centro. Deste xeito incorpora, ademais de a Amaya González Reyes, aos portugueses Filipa César, da que mercou un vídeo á galerista lisboeta Cristina Guerra; e Mauro Cerqueira, do que o CGAC suma aos seus fondos unha instalación e un vídeo presentados pola galería de Oporto Reflexus.

O resto das pezas son da artista madrileña Paloma Lago; dos cataláns Martí Ansón e Patricia Dauder; do asturiano Fran Meana; do británico Jack Strange; o estadounidense Dennos Adams; e do arxentino David Lamelas.

As compras do CGAC en Arco inscríbense no compromiso de gastar en cada edición da feira un mínimo de 90.000 euros como parte do acordo por ter en depósito fondos da Colección Fundación Arco dende 1996. O gasto comprometido ten que ser ratificado, como é preceptivo, pola Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia da Xunta, unha decisión que pode tardar en producirse, como aconteceu no 2009.