O MoMa adquiriu tres obras de Juan Araujo producidas polo CGAC

Concha Pino

CULTURA

O artista venezolano creou as pezas para a exposición que protagonizou no centro de arte galego no 2008

20 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) está presente dalgún xeito na colección do MoMa de Nova York. O Museo de Arte Moderno neoiorquino adquiriu tres obras do artista venezolano Juan Araujo producidas expresamente para a exposición individual que protagonizou no centro galego en xullo do 2008, con Adriano Pedrosa de comisario.

Ademais da particularidade de que as creara para o CGAC, as pezas teñen outra singularidade, se cadra máis relevante, porque son obras inspiradas no edificio do centro, deseñado por Álvaro Siza, e no súa contorna inmediata, de maneira especial o parque de Bonaval. As obras adquiridas polo MoMa son dúas realizadas con óleo e cera sobre papel: Dibujo CGAC 7 e Dibujo CGAC 13 , de mediano formato; e unha terceira, Libro Siza , creada con óleo, papel e madeira, cunhas medidas de 1,38 de altura e 60 por 65 centímetros de ancho.

Respaldo

Juan Araujo (Caracas, Venezuela, 1971) expresou a súa satisfacción polo interese que espertaron estas obras nunhas declaracións nas que subliñou que para el «significa una gran motivación y respaldo que estas piezas pasen a formar parte de la colección permanente del MoMa, y lo que esto pueda aportar a la representación del arte contemporáneo venezolano».

As obras que se viron en Compostela a finais do verán do 2008 baixo o título A través eran pinturas inéditas, producidas entre o 2007 e o 2008. A montaxe expositiva completouse con algunhas obras de series anteriores dedicadas ás casas Bo Bardi, Canoas e Caoma, ás da serie Coloritmos , nas que os edificios son obxecto de estudo e análise. Como é habitual neste artista, o protagonismo recae en detalles e fragmentos das arquitecturas nas que fixa a súa atención, que as converte no centro das súas representacións.

As propostas de Araujo na exposición do CGAC presentáronse como «grafías indirectas que de forma paradoxal debuxan o estatus da imaxe na actualidade, o poder das iconas, a omnipresencia dos sistemas de reprodución e as relacións intertextuais que se poden suscitar entre imaxes diferentes». As pinturas do CGAC céntranse, como noutras series deste artista, nos detalles máis desapercibidos, como a parte oculta dunha columna, un moble ou as liñas mestras da arquitectura interior do edificio, pero tamén nun sobre da papelería, ou na liña editorial de publicacións e na de folletos do CGAC. O interese deste pintor pola arquitectura vangardista do CGAC non foi casual. Amosou ese mesmo interese por construcións especiais, edificios peculiares na súa concepción arquitectónica e que implican unha carga simbólica no seu contorno. Dedicou diferentes series a esta temática de investigación arredor da arquitectura modernista en América Latina a partir de fotografías de edificios, imaxes parciais de fachadas urbanas ou reproducións encontradas en libros sobre paisaxismo e arquitectura.

No caso das do CGAC, son obras que nacen a partires da análise directa da identidade do edificio, reproducindo con moito detalle espazos e materiais, ata o punto de que semella deconstruír a súa arquitectura de liñas puras e de luz.

As estratexias son semellantes en canto a atención a fragmentos da arquitectura e ao coidado dos detalles, e mesmo á organización en series e unha estética derivada da copia de fotografías.

A exposición individual deste artista no centro de arte galego produciuse despois da boa acollida que tiveron as súas intervencións na vixésima sétima Bienal de São Paulo e na sexta do Mercosul no 2006 e no 2007, respectivamente. Supuxo, ademais, a presentación da súa obra en Europa de maneira individual, porque ate daquela tiña participado en diferentes colectivas, igual que en América, onde protagonizou mostras individuais e onde a súa obra forma parte de colección públicas e privadas.