A Xunta compartirá co Ministerio de Cultura a dirección técnica do proxecto de conservación do pórtico da Gloria

Concha Pino

CULTURA

O convenio será asinado polas cinco partes que interveñen no proceso.

19 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Xunta de Galicia incorpórase á dirección técnica do proxecto de conservación preventiva e restauración do pórtico da Gloria e das pinturas da bóveda da capela maior da catedral de Santiago, que ata o de agora asumía o Ministerio de Cultura a través da subdirección xeral do Instituto de Patrimonio Cultural de España. Por parte do Goberno Galego, a dirección conxunta vaina exercer a Dirección Xeral de Patrimonio da Consellería de Cultura.

A codirección deste programa, que patrocina a Fundación Barrié de la Maza con tres millóns de euros, vaise concretar nun convenio que aprobou onte o Consello da Xunta e que o presidente, Alberto Núñez Feijoo, presentou como un acordo para «desbloquear uns traballos ralentizados» e que seguen «un ritmo insuficiente». Feijoo subliñou que contan «cun equipo de técnicos aos que lle outorgamos a autoridade máxima para desbloquear estes traballos (...) vai permitir poñer a disposición no 2011, que é o do aniversario da catedral, unha das reliquias máis importantes do mundo».

A cinco bandas

O convenio será asinado polas cinco partes que interveñen no proceso, é dicir, a Consellería de Cultura, o Ministerio de Cultura, a Fundación Barrié, o Arcebispado de Santiago e o cabildo da catedral. Estas entidades son as implicadas no convenio marco subscrito o 21 de xullo do 2006 para levar a cabo o Programa Catedral, e nos dous que asinaron un ano despois para o seu desenvolvemento.

A Xunta, segundo o acordo aprobado onte, aportará ata 200.000 euros en tres anualidades para a contratación dos servizos técnicos especializados para desenvolver os traballos obxecto do convenio por un equipo multidisciplinar integrado por técnicos da Xunta e do Ministerio.

A Fundación Barrié recoñeceu que, en efecto, «desde mediados del 2009 el proceso de trabajo se ralentizó debido a resoluciones muy restrictivas por parte de Patrimonio de la Xunta a la hora de dar los permisos, porque el ritmo de los trabajos podía ser mayor». Isto responde a que a Dirección Xeral de Patrimonio ten que informar de cada un dos pasos que dan os técnicos que traballan as ordes da restauradora do Ministerio Concha Cirujano, responsable ata agora da dirección técnica.

Solucións abertas

Na Fundación Barrié indicaron que a incorporación da Xunta ten o obxectivo «de limar diferencias» entre os estamentos, e esperan que a dirección conxunta «suponga resoluciones más abiertas, una mayor amplitud de miras».

Unha das diferenzas de criterio entre Patrimonio e a dirección técnica do proxecto foi respecto ao po. Fontes da Fundación Barrié explican que pretendían facer unha limpeza parcial «para acceder a la situación de la piedra y de la policromía, pero Patrimonio se opone a cualquier cosa que afecte a la fábrica, cuando son estudios necesarios para obtener datos de los materiales». Tratábase, segundo a fundación, de realizar estudos simultáneos á monitorización para chegar á diagnose ao plan de conservación preventiva, que se considera máis importante que a restauración.

A fase na que está o proceso é pouco perceptible, agás pola estrutura que recobre o Pórtico. Isto é así porque están coa monitorización do conxunto mediante sensores e aparatos de precisión que rexistran as condicións para coñecer a resposta do espazo e as causas do deterioro que presentan as esculturas e a policromía que queda.