«Está de moda facer museos e logo dentro deles non hai nada»

CULTURA

O pintor Antón Lamazares expón ata finais de mes dúas series de traballos inéditos da súa obra recente no Centro Cultural da Deputación de Ourense

22 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Antón Lamazares (Lalín, 1954) camiña e pensa sen presas, porque ten todo o tempo. Asegura estar pechado no seu propio mundo -que agora transcorre en Berlín, onde reside-, pero coñece o que pasa ao seu redor e coa súa obra da varias voltas ao mundo. Estes días recala en Ourense. É doado atopalo polas súas rúas compartindo conversas con outros artistas, compañeiros. Rememorando, quizais, a época dos anos setenta cando na cidade de As Burgas iniciaba unha aventura artística que na actualidade recala no Centro Cultural da Deputación de Ourense coa presentación de dúas series inéditas chamadas E fai frío no lume e Domus Omnia , coa morte e a casa como protagonistas.

-Ocupa coa súa obra a totalidade do Centro Cultural da Deputación. Poucas veces ocorre isto.

-Para min é una honra que en lugar de ter unha sala pequena ter todo un centro cultural como este. Esta é unha maneira de ensinar máis pezas e que a exposición teña máis significado. Síntome orgulloso e honrado porque teño moito cariño a esta cidade.

-O Ourense dos anos setenta aínda está vivo na súa memoria.

-Comecei a andar por aquí nos anos setenta e aínda aquí teño moitos amigos cos que quedo. Por exemplo, Arturo Baltar, persoa á que admiro e a que considero fundamental na miña profesión, sen esquecer a outros como Vidal Souto ou Alexandro, que son os meus amigos de sempre. E xa estamos no 2010. Xa hai 40 anos.

-Chega agora a Ourense con obra inédita.

-É un resumo do meu traballo nos últimos catro anos. Traballos feitos en Berlín, onde vivo. Tratei de estar á altura das paredes deste centro. A serie E fai frío no lume fala dos mortos. En concreto ten que ver coa morte do meu pai. Pezas do tamaño dun ataúde, dunha tumba. Son os sentimentos que teño eu pensando nos meus mortos. A outra chámase? Domus Omnia , que sería traducido algo así como a casa da alma, o casa de todos. É unha fabulación e recreación. Un soño sobre a idea da casa e todo o que está próximo a ela. Dende unha casa a unha cova ou un pendello. Casa que foron, sombras de casas, soños de casas, etcétera. Onde se fixo unha casa pequena agora hai unha catedral, onde houbo unha casa grande agora non hai nada. Ou onde houbo unha catedral agora hai un parque. Son, en definitiva, reflexións sobre o tempo, sobre a nosa memoria. A pintura non é nin máis nin menos que un asunto de coñecemento, reflexión, memoria ou meditación. A arte éche como o amor, empeza e acaba.

-Corenta anos despois, ¿como observa a situación cultural da Galicia que inicia o século XXI?

-Non che podo contestar ben a isto porque son unha persoa que estou pechada no meu mundo e os tempos de hoxe non teñen nada que ver cos de hai corenta anos. O mundo cambiou moito nestes anos. Nos setenta era moi diferente, coas diferentes tertulias e tamén na maneira de relacionarnos entre nós. Agora a xente viaxa moito máis coas súas obras e estamos todos perdidos dun lado para outro. Non ten nada que ver. Na miña opinión a cultura é necesaria e todo o esforzo que se faga pola cultura é pouco. É un gran alimento espiritual. A cultura é a cousa máis importante. É a saúde do corazón e tamén do espírito. Toda axuda que se preste para apoiala é pouca, pero na actualidade non é onde máis importancia se pon. Por exemplo, está de moda facer museos e fundacións e logo dentro deles non hai nada. Vivimos nun mundo de aparencias. Antes tamén pasaba, non é un problema de hoxe.

-Aínda que reside en Berlín, pódeselle ver con asiduidade por estas terras.

-Veño moito pola miña terra. En Lalín viven a miña nai e a miña irmá e veño polo menos unha vez ao mes a abrazar a miña nai.