Fran Pérez acaba de regresar dunha xira por Brasil e Arxentina con «Aló Irmao»
O vindeiro mércores Fran Pérez, Narf, despide o ano cun concerto acústico e en solitario na Biblioteca Ánxel Casal, de Santiago. Narf está de volta da xira que o levou con Manecas Costa por Brasil e Arxentina, unha xira que para o músico tivo unha acollida excepcional.
-¿Como foi a xira por Brasil en Arxentina?
-Para min foi realmente boa, tanto se falamos dos concertos como da acollida da xente. Ía con certa prevención porque en Brasil, por exemplo, están moi afeitos a facer fusión de músicas dispares e, polo tanto, tiña dúbidas de ata que punto podían ter interese noutro xeito de mesturar músicas.
-¿Cal foi a resposta do público brasileiro?
-Foi unha resposta diferente nas cidades que no interior, pero nos dous casos foi moi participativa. É un público esixente que valora a proposta e a pericia musical. No interior, que están menos afeitos aos concertos, viñan como a unha festa e despois das primeiras cancións comezaron a participar da proposta. Nas cidades, cun público máis experimentado, valoraron primeiro a proposta e logo entraron na festa. Ao cabo os resultados foron similares.
-¿Que valoraron os máis iniciados de «Aló Irmao»?
-Houbo quen comentou que, nesa mestura musical que facemos Manecas Costa e máis eu no espectáculo, unha das singularidades era que ningún dos dous perdía as súas características como músico, que sendo un espectáculo dos dous cada unha das aportacións que facemos ao conxunto mantén a forza individual.
-¿Encontrou diferenzas entre os espectadores brasileiros e máis os de Buenos Aires?
-Creo que hai máis cousas en común que diferenzas. Son públicos esixentes os dous. En Buenos Aires hai unha moi intensa vida cultural. Alí participamos no off do Bafim (Buenos Aires Feria Internacional de la Música) e que polo tanto os espectadores quizais fosen máis iniciados, pero a xente ten que aforrar para ir aos concertos e, polo tanto, son moi esixentes.
-¿Hai diferenzas entre o público latino e o galego?
-Eu non sabería dicir se hai diferenzas importantes entre os distintos públicos aínda que as famas sexan diferentes. Eu creo que case todos reaccionamos igual ante a música cando é boa e conta algo. No caso de Aló Irmao eu non notei grandes diferenzas entre uns públicos e outros.
-¿Como valora a acollida dos concertos alá?
-Abre moitas portas, amplía as posibilidades de actuar por alá. Por outro lado, no musical, é como un respaldo a esta maneira de facer música. É unha confirmación de que o que estamos facendo vale para ser escoitado en Galicia e para ser escoitado en calquera outro lugar, que ten un carácter universal que, cando menos, respalda a proposta.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios