Laxeiro é o primeiro artista galego consagrado nun catálogo universal

CULTURA

A publicación, en tres tomos e case seis quilos de peso, foi editada por Nova Galicia e recolle 3.581 referencias

17 dic 2009 . Actualizado a las 11:15 h.

O 2008 foi un ano moi intenso para a Fundación Laxeiro no que co gallo do centenario do artista abordaron diversos proxectos que pretenderon un achegamento á obra e á figura de Laxeiro desde diferentes puntos de vista, atendendo a públicos diferentes e con diversos graos de profundamento.

O proxecto de catalogación universal da obra do artista de Lalín era un propósito longamente desexado e agarimosamente elaborado que, por fin, onte se materializou nunha publicación de 5,6 quilos de peso e 400 euros de prezo nas librerías. Carlos García-Suárez Otero, director xeral da Fundación, explicou que a obra é a culminación de dez anos de traballo na entidade «e supón un fito na cultura galega ao tratarse da primeira vez que en Galicia se cataloga exhaustivamente a obra dun artista galego». García-Suárez recoñeceu que tiveron dúbidas no xeito de afrontar a obra: «Facelo artístico e bonito, ou facer un inventario con fichas e información pura e dura. Ao final decidimos un pouco ousadamente facer un híbrido que contemplara ambas facetas». O resultado é unha completa publicación en tres tomos editada por Nova Galicia Edicións en galego, castelán e inglés, que combina o gozo para a vista e o rigor para o estudo.

En papel e en deuvedé

Os dous primeiros tomos, de máis de 300 páxinas cada un, recollen unha selección dunhas 500 obras. Antón Pulido encargouse desta fase, aínda que admitiu que o tivo fácil porque fixo «a escolma final tras o traballo de expertos como Román Pereiro, Caruncho ou Javier Buján, entre outros». O terceiro tomo inclúe a reprodución reducida do corpus da obra de Laxeiro, 3.581 referencias e un deuvedé no que se clasifica cada unha nunha ficha técnica con título, data, medida, inscricións, bibliografía e varias posibilidades de busca. Pulido, que é o director da edición, incidiu na importancia dun catálogo universal: «É unha cousa moi difícil de facer. Os artistas universais consagrados son os únicos que os teñen. Hoxe Laxeiro debe estar a celebralo no Parnaso con Cunqueiro, Rembrandt e Bal y Gay».