«Traballarei como un cirurxián para non prexudicar á arte galega»

Camilo Franco

CULTURA

O director do CGAC asegura que o labor do centro ten que basearse en tres piares fundamentais para conseguir éxito: «programación, colección e actividades»

24 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Miguel von Hafe Pérez é, dende onte, director do Centro Galego de Arte Contemporánea. Un cometido no que pretende ligar ao CGAC con Latinoamérica e no que a colección propia e mais os artistas internacionais que mellor explican a circunstancia da arte contemporánea durante os últimos trinta anos terán protagonismo na programación.

-Na súa presentación falou de que era paragóxico que o CGAC fose un centro e tivese colección de museo. Tamén aludiu a servizos como arquivo ou documentación, que quizais son elementos estáticos na perspectiva contemporánea. ¿Ten pensado revalorizar o papel museístico?

-Calquera director que veña ao CGAC ten unha enorme responsabilidade. Eses elementos estáticos dos que falas son de facto, pero eu contrapoño a idea de que un libro só é estático cando nós queremos. Cando o deixamos quedar onde está. Por iso paréceme fundamental traballar coa herdanza do CGAC. Aínda queda por facer unha valoración detallada da colección do centro, pero teño a certeza de que están aquí obras importantísimas non só para Galicia, e un museo ten que saber tirar partido desas obras e aproveitar para que sirvan para atraer ao público.

-¿A colección será centro da actividade máis próxima?

-A actividade terá un tríptico, por chamarlle así, fundamental: programación, colección e actividades. É un tríptico absolutamente fundamental para o éxito, non só de público, mais tamén para o éxito cultural. Neste sentido creo que hai un traballo que facer e eu presenteime como candidato porque me daba a impresión de que tiña algo que aportar a ese labor.

-¿Cal será a liña de programación?

-A programación será forte e estará moi ligada á colección. As exposicións de artistas deben ser referenciais para os propios artistas e tamén a programación ha de ofrecer unha interrelación co exterior do centro, coa cidade e coas actividades que se poidan realizar noutros puntos de Galicia. Esta estrutura de resaltar as exposicións temporais quizais sexa un bocado diferente da dirección anterior e da anterior, e por iso quero traballar con comisarios independentes que teñan algo que dicir. Non son moi adepto de que os directores de centros asuman o setenta por cento das exposicións das institucións que dirixen. Critiquei iso noutro tempo e agora non vou cambiar.

-O noroeste peninsular, con Xixón, Porto, León ou Vigo, é un espazo cunha oferta ampla de arte contemporánea. ¿Cal será a estratexia do CGAC?

-Este é un contexto relativamente novo, por iso cando digo que é preciso reafirmar a vocación atlántica do CGAC non o fago por retórica política ou institucional. Fágoo porque esa é unha diferenza con respecto a esas institucións. O Serralves de Porto e o Musac de León teñen personalidades moi diferentes aínda que poidan coincidir nalgunhas exposicións. Polo tanto, o posicionamento do CGAC é perfectamente claro e non ten que temer esa veciñanza, senón aproveitarse dela. Aínda que as miñas relacións con Serralves son moi boas tampouco ten sentido facer itinerar mostras entre Porto e Santiago. Ten máis sentido traballar en colaboración con Lisboa e esa será unha liña de traballo que se anunciará oportunamente.

-A relación que mantén o CGAC cos artistas galegos tamén se repasa con lupa. ¿Que presenza terán?

-Nisto vou ter que traballar como un cirurxián para non prexudicar os nervios do sistema nervioso central. Teño unha relación bastante próxima coa arte galega. Primeiro hai que revisar a historia do centro neste capítulo, de maneira que as retrospectivas non pechen as historias dos artistas nin que os novos acaben sempre nun espazo secundario, nin pode ser que un artista cada dous anos estea expoñendo no centro. Hai que ter un equilibrio, hai que entrar con panos quentes e cun estudo rigoroso do que se pode facer.