A enésima refundación do CGAC

Camilo Franco

CULTURA

Dezaseis anos, catro directores, un quinto por chegar e a falta dun proxecto como institución desestabilizan un centro que para moitos debería ser un museo

28 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Dezaseis anos e catro directores con un quinto a piques de desembarcar ofrecen unha estatística de estabilidade que o Centro Galego de Arte Contemporánea nunca tivo. Como tampouco tivo nunca un proxecto institucional que abeirase os proxectos artísticos sucesivos. Por non faltar ao costume do país, que tan claramente cumpre coa tradición na Cidade da Cultura, foi primeiro o edificio que o proxecto institucional que establecese as liñas de funcionamento, os lugares polos que deberían transitar os proxectos artísticos posteriores.

Naceu en 1993 e abriu en falso porque o edificio estaba pero non había dotación, especialmente teórica, para ver que se facía con el. Gobernaba Manuel Fraga por entón, na transición do primeiro para o segundo mandato, e no mundo institucional Galicia ía a rebufo dos numerosos centros de arte contemporánea que se ían abrindo por toda a península Ibérica.

Ese comezo como a dous tempos e a falta de proxecto institucional provocou un erro que aínda hoxe debe pesar en segundo que sectores da realidade galega. Abriuse un centro de arte contemporánea, pero case todo o mundo a certa distancia do sector artístico creu que se estaba abrindo un museo cunha denominación actualizada pero coas funcións de sempre.

Camiño internacional

A dirección de Gloria Moure marcou camiño de cara a situar o CGAC nun panorama peninsular e europeo que pasaba por momentos moi alegres e, quizais por iso, moi especulativos. As alegrías de Moure na dirección foron recibidas por un Goberno que non marcara liñas claramente como personalismos e os riscos de programación foron recibidos dun xeito que se foi repetindo ao longo da historia do centro: non cumprían coas expectativas para un centro de referencia en Galicia. A saída de Gloria Moure foi adornada de maneira que nin nas mellores accións performáticas neoiorquinas poderían igualar: manifestacións de artistas nas portas do centro reprimidas por antidisturbios. Finalmente, Moure é politicamente acusada de gastos excesivos, de personalismo na xestión e de levar ao CGAC lonxe da que debería ser a programación dun museo. Pero ela dirixía un centro de arte.

Miguel Fernández-Cid chegou coa lección sabida ao CGAC nun momento de divorcio entre o sector artístico galego e mais o seu principal referente institucional. A lección, entre outras cousas, era o reverso da xestión de Moure: discreción, contención e revisión dalgunhas traxectorias de artistas galegos. Cid protagonizou a etapa máis longa dun director no CGAC. E neses sete anos o centro virou para comportarse como un museo: exposicións antolóxicas, formación da colección e unha programación que asumise os riscos xustos sobre o contemporáneo. Contemporáneo si, pero de corrente principal.

Fernández-Cid chegou á dirección sinalando unha das eivas do CGAC: a necesidade de que se convertese nunha entidade autónoma, cunha certa distancia que filtrase os vaivéns políticos. Marchou, pero permanece a dependencia directa do aparello administrativo da Xunta.

Precisamente por iso o cambio do Goberno implicou o cambio no CGAC. Manuel Olveira asume a dirección do centro cunha orientación que marca distancia co director anterior. A liña prefire o carácter de centro artístico ao de centro expositivo, prefire xogar cos argumentos que cos soportes. Co actual Goberno, Olveira recibe acusacións similares ás que recibira Moure en canto á programación.

Os directores cambian e os problemas permanecen, porque é o entorno institucional e social do centro o que non ten claro que espera del. O concurso para a nova dirección decidirá un nome máis que unha programación e quizais mesmo poida suceder que o novo director non estea tan lonxe do proxecto artístico que desenvolveu o anterior.