O Camiño de Santiago terá un universo virtual propio en Internet

Camilo Franco

SANTIAGO CIUDAD

O proxecto comezará por revivir a Compostela do século XII para aplicacións pedagóxicas e turísticas

29 jul 2009 . Actualizado a las 11:54 h.

A Compostela do século XII tiña como centro a rúa do Vilar, dende a que se podía ver unha catedral en obras. A inmersión nese mundo do pasado será máis fácil a partir do ano próximo, cando estea lista a primeira parte de O Camiño, un metaverso ou mundo virtual, polo que os avatares dos usuarios poderán camiñar, conversar, facer turismo, coñecer datos da época e mesmo facer negocio.

O grupo de empresas que encabeza Ficción presentou onte as primeiras imaxes do proxecto nas que se pode cruzar a rúa do Vilar coas casas que tiña no século XII en ambas direccións. Entón como agora, a rúa tiña como fondo unha das portas da Catedral, a que agora se coñece como de Praterías, e ata esa mesma porta pode camiñar o peregrino e mesmo manter unha conversa cun paisano que explica unha rápida historia da catedral e as obras que se están desenvolvendo.

Na reconstrución pódense apreciar as ferramentas da época seguindo os criterios da Universidade de Santiago, un criterio histórico que se mantén tanto para as vestimentas como para a configuración urbana ou as distintas técnicas de construción que se empregaban naquela altura.

Segundo Julio Casal, responsable de Ficción, o proxecto ten posibilidades moi diversas. Pode servir como espazo de ocio e relación tal como en xogos con amplísimas redes de usuarios; pode servir como espazo ideal para a pedagoxía da historia ou do presente. Casal sinalou na presentación do proxecto que no futuro «as redes sociais realizaranse máis en metaversos que coa forma actual».

As primeiras imaxes deste proxecto sitúanse na Compostela do século XII e a intención é que para o mes de xullo do vindeiro ano estea completada esta parte e mais unha recreación do Camiño de Santiago na que se poderá utilizar o xeoposicionamento en aparellos como os teléfonos móbiles.

Nesta primeira fase é fundamental para os promotores da iniciativa o seu valor pedagóxico e cultural. Neste sentido, toda a ambientación do metaverso está tirada da documentación histórica, dende as descricións da época para os edificios, como o pazo de Xelmírez, ata as ilustracións dos códices para a vestimenta de peregrinos ou de soldados. O proxecto pretende, segundo os seus impulsores, o maior rigor histórico posible de maneira que, sen perder o seu atractivo lúdico, permita aos usuarios un coñecemento amplo sobre a historia do camiño e os seus cambios. Tras completar esta primeira fase, desenvolvendo o motor para todas as aplicacións necesarias, está prevista unha segunda ambientación para o Camiño de Santiago que situaría aos usuarios na Compostela do século XVIII, xusto no momento en que a Catedral está en obras para envolver a súa arquitectura románica coas vestimentas do barroco.