«A vida do outro», unha novela da xeración da Transición

C.F.

CULTURA

22 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un periodista na transición española. Ese é o personaxe central da novela que onte presentou Carlos Reigosa, publicada por Xerais e que é o máis recente Premio Torrente Ballester.

Un personaxe que atravesa unha etapa singular na que, a dicir do seu autor, «os xornalistas tivemos un plus de importancia que agora xa non temos». Acompañado por Fermín Bouza e Xosé Luís Barreiro, Reigosa explicou que os autores «non temos dereito a valorar as nosas novelas, pero temos dereito a explicar que tentamos facer cando as escribimos». Neste sentido o tamén periodista sinalou que quería escribir «unha novela sobre ese tempo e que fose verosímil». Asegura que por iso os personaxes coñecidos que aparecen «están con nomes e apelidos e por iso Adolfo Suárez é Adolfo Suárez e Felipe González é Felipe González».

O director de Xerais, Manuel Bragado, introduciu a Carlos Reigosa lembrando que hai agora 25 anos gañou o primeiro premio de novela convocado pola editorial con Crime en Compostela, un libro que segundo Bragado «gañou lectores para o galego polo éxito que obtivo». O responsable de Xerais sinalou que A vida do outro podería acadar resultados similares aos de aquela primeira novela de Reigosa.

Fermín Bouza e Barreiro Rivas coincidiron cando menos nun argumento. Esta novela de Reigosa é a «novela da xeración da transición». Tanto un coma outro apuntaron que as sensacións das persoas que viviron esa época están perfectamente recollidas e a novela vai fixando os distintos estadios dende o personaxe central e dende o seu entorno máis directo.

A vida do outro iníciase pouco antes do comezo efectivo da transición e remata na actualidade por ese arco temporal van pasando case todas as cousas salientables da Transición, e tamén vai explicando como foron afectando esas circunstancias aos protagonistas.

Nese sentido, Barreiro Rivas sinalou que foi unha época na que todos os que participaban «pensabamos que estabamos facendo algo importante e que do acerto ou do erro que tivésemos dependían moitas cousas». Para Fermín Bouza hai na novela un relato «xeracional moi claro que era necesario facer porque quizais para outras xeracións, especialmente as posteriores, as motivación daquela época estean agora menos claras».