Fanny e Alexander confírmanse como os referentes da nova xeración de músicos do país cun terceiro disco no que se apoian en letras de diversos poetas
Como o novo disco de Fanny e Alexander é tan bo, imos comezar polo único que ten de malo. A gravación é mellorable. Sobre todo o que atinxe ao tratamento das voces -fundamentais no plantexamento sonoro do dúo-, e, en xeral, na mestura final. Son os pequenos inconvenientes dos traballos «made in feito na casa» tan de moda agora, pero que non substitúen as vantaxes dun bo estudio e dun bo técnico.
Pero cando o oínte salva ese pequeno defecto, as virtudes son tantas que converten o disco nun dos mellores da historia da música galega. Para comezar, está o talento que Noel Feáns e Efi Arias teñen para compoñer algunhas das mellores melodías que se escoitaron a este lado de Pedrafita. Outro dos seus toques mestres aparece na súa decisión de aproveitar o gran caudal poético que produce Galicia. Neste álbum pódense escoitar poemas de escritores como Xiana Arias, Emma Couceiro, Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño ou Diego Ameixeiras, entre outros. Como se fosen uns Fuxan os Ventos do século XXI, Fanny e Alexander elixen acertadamente o material a musicar, e, despois, conseguen enlazar con mestría as verbas deses literatos con melodías que mostran a dose xusta de épica, melancolía e ritmo.
Non esaxeramos se dicimos que este disco resistiría un duelo estético con traballos da realeza pop do país como Golpes Bajos. A facilidade técnica que actualmente permite que se editen discos a centos é un dos inimigos de traballos como o de Fanny e Alexander. É moi difícil distinguir a palla do gran. Hai vinte anos, Arias e Feáns xa terían un contrato cunha discográfica, que lles permitiría facturar álbumes perfectos tecnicamente falando, e os seus traballos terían unha promoción adecuada. Mentres eses tempos non volven, os melómanos deben afinar o seu olfacto para descubrir discos que, coma este, importan.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios