Caixa Galicia presenta en Santiago a Tarsila do Amaral Galicia

Manuel Beceiro

CULTURA

15 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A sede da Fundación Caixa Galicia de Santiago acolle desde onte unha das exposicións máis completas, e a primeira realizada en Galicia, sobre a pintora brasileira Tarsila do Amaral (1886-1973), sen dúbida algunha unha das artistas americanas mais importantes do século XX. Na mostra, que estará aberta ao público ata o 31 de xullo, figuran 80 pinturas e debuxos -na súa maior parte procedentes de museos e colecccionistas particulares brasileiros- mais unha completa recompilación de material sobre Tarsila como revistas e obxectos persoais, obra que subliña as conexións vangardistas da artista na capital francesa.

Exótica, sofisticada e cosmopolita, Tarsila cumpriu, durante dúas intensas estancias en París, co que chamou «servizo militar» no cubismo, alimentándose das correntes da vangarda europea «como unha civilizada antropófaga», segundo súas propias palabras. De volta ao seu país, a dixestión daquel banquete e o reencontro coas cores e as formas da súa infancia nas terras do interior de Brasil, darían lugar, en 1920, á época máis cegadora da súa pintura.

Para Juan Manuel Bonet, comisario da exposición, non cabe dúbida de que Tarsila do Amaral «é a gran voz de Brasil no século XX». Nacida no interior do estado de Sao Paulo en 1886, na facenda dunha rica familia da época, Tarsila é desde moi moza unha muller con inquietudes que a partir de 1910 xa vive en París, chegando a coñecer a Brancusi, Picasso, Ramón Gómez de la Serna e Erik Satie, entre outros artistas. Alí comeza a pintar en estilo cubista, etapa da que é significativo o cadro A negra , que se pode contemplar na exposición, e que, segundo Bonet, convertese no «fetiche dun Brasil intemporal e primitivista».

Da capital francesa Tarsila regresa a Sao Paulo, cidade que pinta con ollos cubistas. Sen embargo, neses paisaxes, vanse infiltrando as palmeiras imperiais e outros motivos da vexetación exuberante do Brasil. Iso vai ser o camiño de Tarsila do Amaral, en opinión do comisario da mostra, «meterse nas raíces de Brasil, dicir seu país». Tras esa experiencia virá unha «etapa antropofágica» nunha afirmación «do selvático, o primitivo e o amazónico», para continuar cun final dos años 20 onírico, case surrealista. Tras esta etapa ven outra «tráxica, ideolóxica e dura», na que comparte a súa vida cun psiquiatra comunista, chegando a ser detida. Viaxa á URSS, visita da que o cadro Operarios é un manifesto nese sentido. Aínda que a inspiración de Tarsila do Amaral continuou, o comisario quixo ofertar a súa grande época, delimitada por todo este periplo vital.