Manuel Sendón amosa no Aquarium coruñés fotos «do potente imaxinario do mar que existe na Costa da Morte»

CULTURA

25 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

«O mar cuberto de laranxas ata cambiar de cor, praias poboadas de esportas multicolores (máis propias dunha instalación que dun fenómeno natural), mulleres con impresoras cargadas na cabeza, como noutros tempos se levaban as sellas... Cousas traídas da ribeira que, aos poucos, enchían as casas e conformaban un modo de sentir o mar». Ese modo de sentir é o que Manuel Sendón reflicte nas fotografías que desde o pasado xoves amosa no Aquarium Finisterrae da Coruña.

«Máis que as propias imaxes, o que interesa é achegarse ao potente imaxinario do mar que existe na Costa da Morte», apuntaba onte o responsable do Centro de Estudios Fotográficos de Vigo.

A exposición leva por título Crebas, que é o nome que reciben precisamente en moitos lugares de Galicia e en concreto na Costa da Morte todos eses obxectos que deixa o mar. Entre as imaxes que amosa Sendón están as pacas de algodón que a finais do ano pasado a marea deixou na praia do Rostro, en Fisterra: «Fíxenlles fotos de como ían cambiando co paso do tempo».

De todos os xeitos, insiste na «enorme capacidade de suxestión das imaxes, máis que a descrición», e a apunta que a dureza do mar, as condicións en que se navega e as características físicas da costa deron lugar a sucesos sorprendentes, «pero resulta moito máis sorprendente, sen dúbida, a forma en que son vividos e, sobre todo, na que son relatados posteriormente».

Neste senso, Sendón salienta a existencia de «grandes contadores de historias» que reviven feitos como a evacuación da Costa da Morte despois do embarrancamento do Casón e «tamén se fala de barcos encaixados en areais aos que o mar normalmente non chega, e praias con mortos traídos polas correntes e as mareas, sen esquecer as paisaxes apocalípticas do Prestige ».

Por todo isto, Sendón considera que resulta imposible reducir ese mundo a un conxunto de fotografías e a súa intención é suxerir ese mundo nas imaxes que son a maioría delas de 1,20 metros por 0,80, aínda que hai outras dun metro por un metro. O fotógrafo empezou a fotografar as crebas despois de rematar a serie sobre o naufraxio do Prestige que titulou Cuspindo a barlovento , aínda que a maioría das fotos presentadas nesta mostra do Aquarium Finisterrae foron feitas no último ano.