Moaña y Cangas, idóneos para disfrutar del pelotón

Vigo / La Voz

DEPORTES

La etapa parte de Salvaterra de Miño a las 13.00 horas

12 sep 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A terceira das cinco etapas da Vuelta a España 2014 que se disputan en Galicia parte de Salvaterra de Miño ás 13.00 horas, mentres que a chegada a meta está prevista para as 17.30 horas en Cangas. «Hai que animar á xente a que se achegue, sobre todo a Moaña e a Cangas, porque creo que vai ser unha etapa bonita. A afección galega ten un bo sitio para mirar aos ciclistas pasar, xa que aí van un pouco máis amodo e poden gozar do pelotón», explica un Delio Fernández que lamenta non poder vivir a rolda desde dentro. «É bo que a Vuelta veña a Galicia, pero tamén é unha mágoa que pase por diante da miña casa e non poida correla», admite.

Cortes de tráfico en Cangas

O feito de que a meta da etapa de hoxe estea situada en Cangas leva aparellados algúns cortes de tráfico e prohibicións de estacionamento en determinados puntos dos que informou onte o Concello.

En concreto, Castelao, Orillamar e Montero Ríos permanecerán pechados ao tráfico entre as 6.30 e as 20.00 horas da xornada de hoxe. Ademais, entre as 14.45 horas e ata o remate da proba (17.50), o peche farase extensivo ao percorrido que vai entre as rotondas de Rodeira e Pedra Alta.

O aparcamento estará prohibido entre e rotonda de Rodeira e a Avenida de Bueu, á altura da estación de servizo, entre as 6.00 e as 19.00 horas, mentres que en Castelao-Orillamar non se pode aparcar xa desde onte as 15.00 horas e ata hoxe ás 21.00.

Os puntos de corte e desvío son os habituais establecidos noutras festas e eventos organizados na vila.