Pillo: «Todos os xogadores do Cangas aínda teñen marxe de mellora»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

CANGAS

XOAN CARLOS GIL

Feliz pola súa renovación, confía en que continúe case toda a plantilla

25 jun 2014 . Actualizado a las 14:34 h.

Corenta anos de balonmán -máis da metade como adestrador- contemplan a Víctor García Pillo, que a semana pasada confirmaba a súa continuidade no banquillo de O Morrazo. Tralo remate da pasada Liga o adestrador pediu unhas semanas para meditar o seu futuro e comprobar que, logo doutra longa tempada, as ganas de adestrar seguían intactas.

-¿Contento pola súa continuidade no Cangas?

-Si, estou contento en Cangas dende o principio, encaro un ano máis e polo tanto é outro motivo de alegría. Vai ser a quinta tempada consecutiva e a sexta no club.

-Leva máis de dúas décadas nos banquillos, ¿a ilusión de adestrar permanece intacta?

-Iso é o prioritario. Eu non concibo un adestrador funcionario. Hai técnicos profesionais ao cen por cen que necesitan adestrar para vivir que quizais poidan dirixir sen ilusión, pero eu non o concibo. Teño a miña actividade profesional e non necesito adestrar para vivir. Sempre acabo as tempadas baldado e necesito uns días para ver as sensacións que teño. Se non tivera ilusión, seguro que non adestraría.

-¿Que se pode agardar do próximo proxecto do Cangas?

-Sempre digo que hai que tratar de dar un paso máis cada ano. Somos un club modesto, así que non podemos entrar en batallas de fogos de artificio, temos que autoesixirnos ir un pouquiño máis lonxe cada curso. O ano pasado o obxectivo era tratar de salvarnos a penúltima xornada e facer un punto máis que o ano anterior. A vindeira será o mesmo: que os xogadores sigan progresando, xuntar 26 puntos e salvarnos na antepenúltima xornada. O que se pretende de maneira prioritaria é que a xente do Morrazo desfrute de bo balonmán.

-Resulta satisfactorio ver como o equipo medra ano tras ano.

-Si, moito. Cando o collemos había algún xogador veterano, pero a mayoría estaban por facer. Foi unha aposta do club que elixiu ese modelo de traballo. Para min ver como medran e se converten en xogadores é gratificante, básicamente lógrano polo seu traballo e cualidades.

-Xa se pecharon varias renovacións. ¿O obxectivo é manter o bloque?

-Si. A medida que os xogadores van collendo nivel van sendo máis apetecibles para outros equipos e van esixindo un mellor trato económico, pero penso que imos conseguir mantelos a todos. Algúns, desprezaron ofertas bastante superiores das que podiamos facer nós. A idea tamén é que a conexión co filial sexa permanente. Nós necesitamos dese filial e os xogadores de Primeira necesitan do primeiro equipo para completar o seu proceso de formación.

-¿Hai calidade suficiente no balonmán do Morrazo como para manter un equipo en Asobal?

-Con que cada ano saia un xogador ou dous que poidas aproveitar da canteira, xa resulta rendible, o importante é que sigan saíndo. Hai moito traballo de base e penso que pouco a pouco se poden ir renovando xogadores de Asobal.

-¿Pódese dicir que o Cangas está plenamente asentado en Asobal?

-Asobal é unha competición tan vampírica, tan carnívora, que nunca podes estar seguro, pero penso que a maioría destes xogadores xa se pode dicir que son de Asobal. Poderán ter xeiras mellores ou peores, pero xa están asentados. Non teñen por que parar aí, o difícil non é chegar, senón manterse. Todos teñen aínda unha marxe de mellora que non deben desprezar por acomodarse.