«Fóra amosamos unha madurez que non tiñamos»

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo VIGO / LA VOZ

DEPORTES

XOAN CARLOS GIL

Cre que o éxito actual é un premio á aposta pola canteira

26 dic 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Nin nos mellores soños Víctor García, Pillo, agardaba vivir á fronte do BM Cangas un Nadal tan dóce. Logo de acadar a permanencia na última xornada da pasada Liga, o equipo mudou a faciana ata converterse na revelación de Asobal. O adestrador ten as claves.

-Remata a primeira volta, e o Cangas é sétimo con 16 puntos. ¿Un balance inmellorable?

-O balance non pode ser máis ca súper positivo. É a mellor primeira volta do club en Asobal. Rompemos todas as expectativas. Eu dicía en agosto que o obxectivo era mellorar o feito o ano pasado, co cal se iso implicaba estar salvados na penúltima xornada, estupendo. E mira onde estamos.

-¿Que se agocha tras esta gran primeira volta?

-Un pouco de todo. Primeiro, moitísimo, moitísimo traballo. Logo, unha mellora dos xogadores nos últimos anos. Foron medrando pouco a pouco, mellorando individualmente, o que fai que repercuta no colectivo. E logo, tamén un pouquiño de sorte, que fai falla sempre nunha competición tan igualada.

-A materia pendente do ano pasado era puntuar fóra do Gatañal. Este ano semella solventada.

-Amosamos unha madurez fóra da casa que non tiñamos o ano pasado e conseguimos sacar adiante partidos que se nos puxeron costa arriba. E todo iso axuda. Cando comezamos o ano pasado, moitísimos xogadores eran debutantes e quizais lles impoñía algo de respecto xogar fóra. Agora foron medrando e collendo o ritmo da categoría e saben que poden competir e gañar en calquera sitio. Iso dáo a fortaleza mental e a experiencia. Xogando e revivindo moitas veces as situacións.

-¿É hora de reconsiderar obxectivos?

-Se gañaramos en Granollers, e empezando ben a segunda volta, poderíamos cambiar un pouco, pero agora imos ir partido a partido. Temos que repoñernos dos problemas físicos, que tamén nos lastraron un pouquiño, e logo veremos. Os dous primeiros partidos serán os que nos marquen obxectivos.

-Pero a estas alturas, levan tres puntos menos que os que lles deron a salvación o ano pasado.

-Si, e iso ten que darnos tranquilidade, non a nivel de esixencia de traballo, senón tranquilidade no sentido de que levamos moito camiño percorrido.

-¿Dalgún xeito, teme que as expectativas xeradas arredor do equipo se poidan traducir en excesiva responsabilidade?

-O equipo tenlle tanto respecto á afición, que a responsabilidade sempre é a máxima, sobre todo cando xogamos no Gatañal. Entón iso non vai coartar para nada. Eu non o permitiría que ninguén baixara o pistón o máis mínimo. Sabemos que lle debemos tanto á xente que non podemos regatear nin un esforzo en cada partido. Esa é unha das características clave deste equipo.

-¿Cre que a tempada idílica que están a vivir é, dalgún xeito, un premio á aposta pola canteira que fixo o Cangas hai tempo?

-Sen dúbida, a directiva do Cangas e o director técnico, teñen moito que ver neste tema, porque a aposta pola canteira non é nin cousa miña nin de agora. É unha aposta que vén de atrás. Hai moito traballo de por medio e de moita xente para que Adrián, Sera, Pomar ou Soliño estén xogando agora en Asobal. Hai moitas horas de adestramento, moitos técnicos e unha aposta por unha filosofía de canteira. Nestes momentos todos os equipos están asumindo este modelo porque non hai outra solución, nese sentido o Cangas foi un visionario, e ten unha filosofía moi clara. Xa sexa en Asobal ou en Honor B, en Cangas ten que haber moitos nenos xogando ao balonmán.

víctor garcía, «pillo» adestrador do bm cangas