«Agora se nos fai estraño ler a Valle-Inclán en castelán»

La Voz

VIGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

O Centro Dramático Galego pon hoxe, ás 20.30 horas, en escena «Martes de carnaval»

21 jun 2017 . Actualizado a las 19:14 h.

Por uns e outros atrancos ata o de agora non se puido levar a escena unha obra de Ramón María del Valle-Inclán en idioma galego. É o Centro Dramático Galego quen rachou cos prexuízos e encargoulle a Manuel Cortés a tradución de As galas do defunto e A filla do capitán, dous esperpentos que por política editorial foron agrupados no seu momento baixo o título Martes de carnaval. «Marta Pazos e máis eu fixemos a elección da obra; pensei nela para dirixir a montaxe porque ten unha visión fresca do teatro pero tamén unha sólida traxectoria», explicou onte Fefa Noia, directora do Centro Dramático Galego.

As dúas pezas son moi distintas entre si en tamén na posta en escena, aínda que, segundo Fefa Noia, manteñen unha coherencia. «Son dous sucesos distintos pero que aportan unha visión global do que quería criticar Valle-Inclán no seu momento; el achegou a lupa do esperpento a súa actualidade», explica a produtora da obra.

As galas do defunto está ambientada na época na que discorre nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao momento actual a trama que Valle a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do capitán Sánchez, un acontecemento moi aireado en 1913 pola prensa sensacionalista.

«Na primeira lectura do texto faite collerlle respecto, pero despois xa cun traballo analítico que axuda a comprendelo vaste deixando levar pola súa melodía, porque ten moito de musical», di a actriz María Rojo. Xunto a ela compoñen o elenco Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero, Machi Salgado e Sergio Zearreta. Este grupo de actores e actrices dalle vida aos máis de trinta personaxes que pasean pola dobre sesión.

Esta obra foi representada en Valencia con sobretítulos. «Alguén da compañía dixo alí que agora se lle facía estraño ler a Valle-Inclán en castelán. A súa linguaxe non se pode dicir que sexa puro castelán», engadiu Fefa Noia.

«A obra chega a Vigo na fin de xira polo que os vigueses poderán ver unha representación xa madura», explicou María Roja.

As entradas están dispoñibles a través das vías habituais de comecialización na web de ataquilla.com e no teléfono 902 504 500.