«Hai que terlle respecto ás mestras»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO CIUDAD

MARTA OJEDA

Empresariais homenaxea á pedagoga viguesa Antía Cal e a Valentín Paz Andrade

23 may 2017 . Actualizado a las 09:43 h.

«Hai que terlle moito respecto ás mestras, pero tamén teñen que prepararse. Eu fun once anos a Barcelona». Isto dixo Antía Cal onte, pouco antes de comezar a homenaxe que lles rendiu a Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo a ela e mais a Valentín Paz Andrade.

Consuelo Currás, directora do centro, recoñeceu que a historia de Antía Cal estivo guiada polo seu compromiso coa terra, ao igual que no caso de Paz Andrade, «un modelo para que os nosos estudantes miren ao mundo orgullosos do seu». A homenaxe consistiu no nomeamento de dúas aulas do centro universitario coas denominación da pedagoga e do poliédrico galeguista.

O xornalista Eduardo Rolland encargouse de perfilar as figuras dos protagonistas, ela viva e na sala, e el falecido xa hai algúns anos pero representado na sala polo seu fillo Alfonso Paz-Andrade. «Os dous foron seres que levaron adiante as súas ideas a pesar de todos os atrancos que tiveron», dixo o director de GCiencia.

Lembrou a modernidade introducida na pedagoxía viguesa por Antía Cal cando en 1961 creou o colexio Rosalía de Castro, onde o laicismo, bilingüismo, galeguismo ou a educación mixta tiñan o seu oco. «Fixo unha escola do século XXI na escuridade do século XX», subliñou Rolland.

No salón de actos da escola estaba Pepe González, presidente do Foro Peinador, un dos impulsores desta homenaxe. E na mesa presidencia, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, non se cansou de gabar aos homenaxeados. «A escola honra a estes dous persoeiros para transmitirlle ás novas xeración que houbo un home e unha muller que soñaron unha Galicia mellor», dixo o representante da Consellería de Cultura.

Abel Caballero ampliou ás loubanzas á propia escola, herdeira de Peritos e Mercantil, berce da modernización das empresas galegas.

Como queira que Antía Cal explicou ás súas inquedanzas xuvenís en col do seu nome, pouco habitual entón, Caballero recoñeceulle a súa afinidade por ser coñecido por dous nomes distintos. Por iso, o rexedor municipal convenceuna de que non era unha cruz semellante situación senón unha vantaxe para situar aos amigos en momentos distintos da súa vida. Finalmente foros descubertas as placas cos respectivos nomes en dúas aulas do centro universitario.