A Fundación Penzol saca ás súas xoias de Rosalía de Castro

La Voz

VIGO CIUDAD

M. MORALEJO

A Asociación de Escritores en Lingua Galega tamén celebra o 180 aniversario do nacemento da escritora

24 feb 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Coincidindo co 180 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a Fundación Penzol exporá algúns documentos e publicacións existentes nos seus fondos, nunha das vitrinas da entrada pola praza da Princesa á Casa Galega da Cultura de Vigo. Esta

mostra poderá ser visitada polo público de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 19.30 horas. Ademais, ás 11.00, 12.00, 18.00 e 19.00 horas explicaranse os contidos e pormenores do material exposto aos visitantes.

O material a expoñer é unha folla manuscrita de Rosalía con recolleita de cantares populares galegos; correspondencia que dá conta de que aínda vive María Josefa Martínez Viojo, tía de Rosalía que a coidou de pequena en Ortoño; carta de Lois Tobío Campos a Rosalía de Castro, e viceversa; carta de Alejandra Murguía a Lois Tobío Castro; primeira edición de Cantares gallegos (1863) e outras

posteriores; primeira edición de Follas novas, feita polo vigués Alejandro Chao na Habana e outras edicións posteriores; a tradución ao catalán de Cantares gallegos (1917); e outra tradución ao xaponés.

Non vai ser o único acto conmemorativo que teña lugar hoxe en Vigo. Na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel se pode ver unha exposición e mostra bibliográfica sobre o editor vigués, Juan Compañel, e a súa relación literaria co matrimonio Castro-Murguía. Esta mostra estará na biblioteca, situada na rúa Joaquín Yáñez, ata o día 31 de marzo.

Pola súa banda, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, en colaboración coa Concellería de Participación Cidadá, organizan unha ofrenda floral no edificio que acolleu no século XIX o prelo de Juan Compañel, na rúa Real. O acto terá lugar ás 18.45 horas. Neste obradoiro foi tirada a primeira edición de Cantares gallegos, abrindo o rexurdimento da literatura galega.

Tras a ofrenda, os participantes neste acto conmemorativo partirán cara ao Centro Cívico do Casco Vello, na rúa Oliva, onde terá lugar a lectura de textos de Rosalía de Castro.

Tamén hoxe, os equipos de dinamización lingüística dos colexios Compañía de María, María Auxiliadora (Salesianos) e Miralba (Jesuitinas) pertencentes a Escolas Católicas de Galicia, organizan, de 10.00 a 12.00 horas un evento que reunirá a máis de douscentos rapaces de quinto de primaria de diferentes para conmemora o día de Rosalía de Castro. Neste encontro haberá obradoiros, bailes e unha actuación de maxia do mago Cali. Esta actividade conmemorativa terá lugar no Colexio Compañía de María (Rúa Ecuador 35, Vigo).