«Os habitantes de Teis poderían ser teiseiros e os de Coia, coieses»

La Voz

VIGO CIUDAD

Brais Martínez

O filólogo vigués ven de publicar un estudo sobre a correcta formación dos xentilicios galegos

20 oct 2016 . Actualizado a las 04:00 h.

O filólogo vigués Xosé-Henrique Costas ven de publicar un estudo sobre os xentilicios de Galicia a través da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

-¿Non estaba claro xa o tema dos xentilicios?

-O 90 % dos topónimos non teñen un xentilicio porque nunca foi necesario. Unha muller de Bembrive era «de Bembrive», sen máis. Como moito había os alcumes colectivos, como bandulleiro para referirse a un de Panxón ou mico para os de Baiona. Nos últimos cen anos moitos historiadores, cronistas, xornalistas etc., deron en inventar xentilicios sobre calquera topónimo, e de aí saíron moitas irregularidades e despropósitos, como forcaricense para Forcarei.

-¿Foi esa a idea que o levou a escribir este libro?

-Con este libro só quixen protestar polos inventos disparatados e castelanizantes sobre topónimos galegos e dar a coñecer as pautas que rexen a formación gramatical de xentilicios. A elección dunha ou doutra forma vai na difusión e na aceptación do novo xentilicio por parte dos usuarios da lingua.

-¿Quen é o responsable?

-Quero avisar da responsabilidade social dos medios e a escola na invención, aceptación e difusión de formas correctas ou incorrectas e, primeiramente, do coñecemento dos xentilicios, tanto dos formais como dos populares, os chamados «alcumes colectivos». O sufixo -ense, por favor, só coas formas antigas ou étimos dos topónimos: tudense, mindoniense, lucense, bracarense, cos topónimos actuais evitémolo.

-¿Como se forma un xentilicio? ¿Hai unha norma?

-Un xentilicio fórmase engadindo sobre o topónimo actual o sufixo -án (ou -ao na zona centro-oriental de Galicia); -és, como moañés ou vigués; -eiro, como cangueiro; -ego; -iño, como louriño; -exo, como zamanexo ou valadarexo; etc., hai aínda media ducia máis de sufixos que forman topónimos. Tamén se forman xentilicios engadindo sobre a forma antiga do topónimo, sobre o étimo, os sufixos latinos -ense ou -ino. De Vigo temos vigu-és e poderiamos formar unha forma hiperculta vic-ense, porque coñecemos o étimo Vicus. Moita xente pensou que a única forma de crear sufixos era con -ense ou mesmo coas formas castelás -ino ou -eño, e de aí saíron inventos desafortunados como gondomareño.

-¿É traducible o noso «olívico»?

-Non, porque é unha forma castelá. Son deses xentilicios literarios creados por cronistas, xornalistas ou historiadores. En galego somos vigueses e viguesas, e logo podemos ser sardomeiros, zamanexos, valadarexos, castreleiros etc.

-¿E os de Coia e Teis?

-Dixen antes que o 90% dos topónimos non teñen xentilicio correspondente, non existe, pero non quere dicir que cos sufixos que ten o idioma non se poidan formar. Na elección do sufixo inflúen varios factores: a analoxía con outros xentilicios cuxos topónimos rematen de forma parecida ou xentilicios de topónimos veciños, a eufonía, a non colisión con xentilicios xa existentes en zonas próximas etc. Se queres podo facer unha proposta. Se os de Meis son meisiños, os de Teis poderían ser teisiños; ou por proximidade, se os de Chapela son chapeleiros, os de Teis poderían ser teiseiros. E de Coia, coián, ou coiés (como de Poio poiés). O idioma pode crear se necesita crear, outra cousa é que despois ese xentilicio teña éxito social.