Xulio Taboada, un home de actividades inabarcables para o resto

Salustiano Mato OBITUARIO

VIGO CIUDAD

O economista foi xerente da Universidade. O reitor glosa a súa figura

18 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Quédome coa imaxe dun home inabarcable, boa persoa, bo profesional, bo galego. Cunha gran capacidade para a negociación e para chegar a acordos. Foise demasiado cedo. Home de amplo currículo profesional, chega á Universidade de Vigo no memento xusto para atacar o reto de fabricar unha universidade competitiva e ben xestionada. Esa capacidade para xestionar con acerto e criterio é o que permite que hoxe esteamos onde estamos. Falo dun Xulio Taboada que vivía con paixón cada reto ao que se enfrontaba. Traballador incansable, dedicábase as 24 horas, os sete días da semana ao seu labor. Paciente, pero tamén impaciente. Tranquilo, pero tamén nervioso. Rápido pero tamén lento. A súa mirada enfocaba cara ao horizonte, pero non se esquecía de ver na proximidade. Este enfoque de mirada permitíalle estar presente nos problemas do día a día e na súa resolución. De aí que fora home de moitas vidas. Inabarcable. Marido, amigo, funcionario, músico, etc., pero tamén introvertido nas súas cousas. Era moi difícil estar en todos os paus que Xulio dominaba. Cando volvo a vista atrás, vexo a un home necesario na súa totalidade para este país. Desde a súa profesión axudou a que Galicia se siga facendo a si mesma, collendo o mellor de cada un de nós. Son momentos de dor. De vivilo intensamente. De compartilo coa familia, coa súa dona. Pero tamén é o momento de sentir a presenza de quen deixa un feixe de amigos que o lembrarán cun sorriso nos beizos.

Un adeus, amigo Xulio.